Os ecoloxistas piden a anulación do proxecto de interés autonómico para a ampliación da autovía na Lanzada
AROUSA
O CES e outras catro asociacións a prol do medio ambiente presentan alegacións á declaración anunciada pola Xunta
14 feb 2026 . Actualizado a las 21:27 h.A declaración de proxecto de interese autonómico (PIA) feita para a ampliación da Autovía do Salnés vén de suscitar o rexeitamento de ata cinco asociacións ambientalistas, entre as que se atopan o Colectivo Ecoloxista do Salnés, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo de Anelamento Anduriña.
As entidades amosaron onte o seu rexeitamento ao proxecto tras presentar seis alegacións, sinalando entre outras cuestións, que o desdobre previsto non se basea nun pensamento de futuro, porque a mobilidade en vehículo privado é «un modelo caduco». Os ecoloxistas cren que os corenta millóns de euros que se van investir serían bos para fomentar o transporte público, «unha mobilidade máis ecolóxica, de calidade e máis barata», explican.
Aínda que quizais un dos puntos máis críticos co proxecto é a intervención nas estradas PO-308 e PO-550, xa que a súa ampliación afectaría ao sistema de dunas. Os ecoloxistas tachan de «irrisorias» as medidas compensatorias que se pretenden aplicar, que consisten na tala de piñeiros nunha superficie de varias hectáreas para recuperar un espazo dunar, «pero curiosamente nesa zona hai canteiras e apenas medran piñeiros, sendo ese o menor dos seus males», din.
Por este motivo, sinalan que «resulta revelador que a Consellería de Medio Ambiente apenas prevea investimentos na restauración e conservación da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove, e que o único que reciba este lugar da Xunta sexa unha esmola da banda da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a cambio de cementar parte das súas dunas», subliñan.
Os colectivos medioambientais aseguran que esta tramitación comeza con mal pe, e advirten que o PIA preséntase cunha solución técnica xa pechada, o que contradí a Lei de Ordenamento do Territorio, «onde se indica que na fase de acordo non se poden especificar os detalles do proxecto», contan. Por iso, esixen a súa anulación, insistindo en que se non se fai valorarán presentar un contencioso administrativo contra a Xunta.