A conselleira de Economía foi recibida no polígono da Pedreira polo rexedor popular, Carlos Viéitez
15 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, informou onte dende Meaño de que ata o 4 de marzo pódense solicitar as axudas do seu departamento para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia. Un montante global que ascende a tres millóns e medio de euros. Lorenzana, que estivo acompañada pola directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, foi recibida polo alcalde, o tamén popular Carlos Viéitez, no polígono industrial da Pedreira, en Xil, que o ano pasado recibiu oitenta mil euros a través desta liña para a mellora das súa rede viaria. Foi un dos 73 espazos das mesmas características que resultaron beneficiados na comunidade.
Lorenzana subliñou que estas subvencións cobren ata o 80 % do investimento susceptible de apoio público, cun tope de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar os espazos públicos do parque, e as súas infraestruturas viarias, de cara a unha mellor integración na paisaxe. As axudas esténdese, á marxe deste eido, á implantación e melloras na iluminación pública das estacións depuradoras de augas e aos colectores con vertedura á depuración municipal, á xestión de residuos dentro do polígono ou aos servizos centralizados de subministro de gas e hidróxeno.
Quixo salientar a conselleira que a Xunta está a exercer un «enorme esforzo para executar máis metros cadrados de solo industrial en Galicia alí onde existe unha meirande demanda», ao tempo que inviste na modernización das infraestruturas naqueles parques que o precisan.
A ampliación do Pousadoiro
Nestes intres, o Goberno galego tramita case tres millóns de metros cadrados de novo solo empresarial na provincia de Pontevedra. Neste procedemento atópase un espazo pertencente á bisbarra do Salnés: tratase da ampliación do polígono industrial do Pousadoiro, a cabalo de Vilagarcía e de Caldas de Reis, que ficou pequeno para a demanda existente no mesmo momento en que se inaugurou, hai 20 anos.