O entroido: un lóstrego de cor alumea xa Arousa

LETICIA CASTRO / S. G. REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

Comparsas, desfiles, cocidos e festas infantís toman a beira sur da ría

15 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A choiva dou unha tregua este sábado para darlle protagonismo a unha programación festiva que en Arousa se interna nas datas centrais do entroido. Dende o desfile de Meis, o máis madrugador da comarca, ata a celebración de Cambados, con atraccións infantís incluídas, o cocido de San Fidel no Carril e as comparsas do Grove, nunha xornada que comezou ben cedo, porque antes de que amencese os veciños mecos xa facían cola á beira do pavillón municipal coa intención de non quedar sen entrada para velas cantar no auditorio.

O festival de comparsas é todo un acontecemento no Grove, e o aforo da sala ben pequeno para tanta expectación, así que non queda outra que restarlle horas ao sono para poder asegurarse unha butaca e presencialo en primeira liña. Tales foron as ansias, que a iso das doce do mediodía os billetes xa estaban esgotados. Mentres tanto, na rúa, os integrantes das agrupacións comezaban a deixarse ver, xa maqueados, dando unha idea do disfraz, e vendendo as historias a quen pasaba para que logo puidesen seguir polo baixo o que soaba no escenario. Moita cor e purpurina para por en escena as súas sátiras e moita capa longa desta vez.

Letrillas con mensaxes veladas a particulares, alusións ao deterioro da localidade, farois ao lombo para sacarlle as cores ao alcalde e, por suposto parágrafos que lembran momentos vividos na Festa do Marisco. O auditorio meco amosaba as súas mellores galas para a cita: un luminoso na entrada dando conta do certame, e un salón acorde ao momento que este ano tocoulle inaugurar a Os Trapalleiros.

Meis madruga. O tempo acompañou, e Meis puido desenvolver este sábado o primeiro desfile de entroido do Salnés. Unha marcha de cor que partiu do pavillón, percorreu a avenida de Cambados e rematou na praza de España, con baile e premio aos mellores disfraces.

Mónica Irago

Ben por grandes e meniños en Cambados. O sábado sempre é un día aproveitable no entroido de Cambados, por moito que a perspectiva de mal tempo mudase citas centrais, coma o desfile, á fin de semana que vén. Onte tocou o festival infantil no Salón Peña, ademais da celebración popular e espontánea que tomou as rúas. Atención a luns e martes, nos que terán lugar os concursos de disfraces, tanto para nenos coma para adultos. O martes, baile.

Mónica Irago

Un cocidiño en O Carril por San Fidel. Antes de que chegue a Coresma o que o corpo pide é unha homenaxe sobre a mesa ao rei cocho en todas as súas manifestacións, acompañado por boas verduras e mellores patacas. A comisión de San Fidel despídese este ano da celebración duns patróns máis queridos no Carril e faino con dúas citas gastronómicas. A primeira tivo lugar onte, na carpa da lonxa, cun cocido de entroido como é debido.