O Mariscos Antón Cortegada recibirá mañá o pechacancelas, TGN Basquet de Tarragona

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

07 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Fin de semana atípico para o Mariscos Antón Cortegada. Posposto o partido que, por calendario, lle correspondería disputar hoxe fronte ao Manresa CBF, o conxunto que adestra Manu Santos recibirá mañá domingo, desde as 12.30 horas no parqué do Pavillón Municipal Sara Gómez, o pechacancelas do Grupo B da Liga Femenina 2, o TGN Basquet de Tarragona. Un duelo este último que debería terse xogado dúas semanas atrás, pero como o que deberá disputar o 22 de febreiro co Manresa CBF, adiado polo novo rival catalán por cuestión de aforro de custes, medíndose no mesmo desprazamento a Galicia a dous equipos do país.

Realidades coma esta, que afectan ata a conxuntos dunha comunidade con máis posibles como a de Cataluña, reflicten a dificultade das franquicias da LF2, a terceira e última categoría do baloncesto feminino español, para alimentar a maquinaria da competición federativa. No caso do Cortegada, sen posibilidade de compensar a baixa de media duración da á-pívot María Angulo, inédita no que vai de 2026 por unha luxación de ombro da que segue recuperándose, pese a contar xa coa alta médica. Sen ela, Manu Santos deseña os vindeiros partidos, como o de mañá diante do TGN Basquet, con só oito xogadoras séniores, e cunha delas, Damaris, con fortes molestias no pescozo e nun ombro que poderían lastrar o seu rendemento.