Aser Álvarez: «Vilanova está ligada á figura de Camba, foi o seu principio e o seu final»

Sara Dorado VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

ALBERTO LÓPEZ

O director leva o seu novo documental, «O meu nome é Camba», ao hotel Palace de Madrid

14 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Camba foi un home adiantado ao seu tempo. Un visionario, un columnista e para Aser Álvarez, ata un literato: «Pese a que foi valorado durante a súa época, actualmente a súa figura está esquecida… coido que será por esa crenza sobre que non fixo literatura coa que non estou de acordo; fíxoa, e de moi boa calidade, pero a través dos xornais». Álvarez firma un novo traballo para recuperar e poñer en valor a figura deste home polivalente, «O meu nome é Camba», que se proxectará hoxe na gala dos premios Julio Camba no hotel Palace de Madrid, e que xa leva un tempo xirando polos festivais de cine.

O responsable da produtora Arraianos continúa traballando na recuperación da súa memoria, fascinado pola súa obra: «Foi o inventor do columnismo que hoxe coñecemos. O seu traballo está a altura dos grandes da súa época coma Azorín, por exemplo». Unha escritura «na que non sobra nin falta nada», orixinal, precisa e cun dominio da linguaxe «que nos fai pensar que son textos actuais». Camba era, en resumidas contas, un xenio.

Nado en Vilanova de Arousa (1884-1962), chegou a ser o xornalista mellor pagado da prensa española: «A súa firma era selo de calidade, enganchaba aos lectores... era un tipo que crea adicción». Algo de verdade ten que ter, porque Álvarez leva anos investigando arredor da súa figura, unha tarefa nada sinxela xa que o xornalista mesmo se encargou de borrar a súa pegada: «Era moi celoso da súa vida. As únicas imaxes que se teñen del en movemento son do seu enterro». Aser Álvarez visitou as cidades polas que se moveu Camba como corresponsal co obxectivo de achegarse aínda máis á súa figura: París, Londres, Lisboa, Berlín, Roma...

O produtor lamenta que non se realizara aínda una recompilación de todos os seus artigos, ao estilo dunhas obras completas. Do mesmo xeito, parécelle estraño que o concello que o veu nacer non se implicase máis no traballo: «Vilanova podería ser un lugar de peregrinación para os amantes da súa figura; a súa orixe estaba intimamente ligada á súa creación, foi o seu principio e o seu final». Álvarez, que estaría encantado de levar o documental a Vilanova, apunta que Camba estaba namorado da súa terra, como demostran os seus artigos: «Ata poderíamos dicir que foron o xerme do primeiro turismo polo ben que falaba da súa orixe, o que atraeu a moitos madrileños que mercaron casa aquí», comenta.

Mestre Mateo

Para este documental biográfico, Aser valeuse da colaboración dos estudosos que máis saben da figura de Camba, entre eles a doutro vilanovés, o escritor Benito Leiro. A peza conta con la participación de rostros coñecidos, como Touriñán, Luis Piedrahita, Xoán Tallón, Marta Lois ou Xabier Forte, entre moitos outros.

Transcorre durante o seu último baño na habitación 383 do Palace de Madrid, onde pasou os últimos trece anos da súa vida: «Veremos a un home xa vello, canso, enfermo, nun mundo que xa non é o seu, e con esa escusa, facemos un percorrido pola etapas da súa vida», apunta Álvarez. 

Para o autor, un dous triunfos do documental é, precisamente, que che deixa con ganas de saber máis: «É algo que destacan sobremaneira do traballo, por exemplo, foi o que nos valeu a Mención Especial no Festival de Ourense», apunta. O traballo opta aos XXIV Premios Mestre Mateo na categoría de Mellor Guión, que se celebrarán no mes de marzo en Lugo. Non é a primeira vez para o director, que xa estivera nominado antes: «Estou contento pero recoñezo que este ano a competencia é alta, con guións de primeiro nivel», reflexiona.