Pretende recuperar textos inéditos «dun dos grandes mestres do xornalismo» e reunilos nun libro
02 ene 2026 . Actualizado a las 04:55 h.«Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884-Madrid, 1962) é un dos grandes mestres do xornalismo, pero está moi esquecido», afirma Aser Álvarez, director da compostelá Arraianos Producións, que leva anos traballando na recuperación da súa figura e en divulgalo «como un dos grandes referentes do columnismo español». O último traballo para reivindicar a súa figura é o documental «O meu nome é Camba», que presentou en Santiago coincidindo coa última edición de Cineuropa e tamén recalou no festival de Ourense. A intención, agora, é amosalo en novas citas audiovisuais: «A nosa idea é movelo por aqueles países do mundo nos que Camba viviu e traballou, porque estivo de correspondente en Lisboa, en Londres, París, Berlín, Roma, Estados Unidos... Trátase de facer como unha viaxe de volta de Julio Camba a eses lugares».
Máis alá de enviar o documental á festivais de cine, «a nosa idea é facer unha serie de presentacións nos institutos Cervantes nestas cidades nas que viviu e traballou. É moi interesante achegar o documental aos estudantes de español polo dominio da linguaxe que tiña Camba, pola súa orixinalidade e a frescura dos seus textos». Desde Arraianos tamén queren levar a figura de Julio Camba polas facultades de xornalismo. «Máis de 140 anos despois do seu nacemento, Camba ten unha vixencia extraordinaria. Les os seus artigos e seguen sendo actuais e contemporáneos», afirma Aser Álvarez.
Por que a súa figura permanece esquecida? «O paso do tempo. Ao final, a memoria é moi feble. Camba gozou dunha enorme popularidade e chegou a ser o xornalista mellor pagado da prensa española. Facía que se venderan moitos periódicos porque era moi lido e moi querido. Sen embargo, a prensa é efémera», responde Aser Álvarez.
O documental «O meu nome é Camba» toma como referencia o último baño que o columnista se deu na habitación 383 do hotel Palace de Madrid, onde pasou os trece últimos anos da súa vida. Baixo a dirección de Aser Álvarez, no traballo participan Luís Pousa, Manuel Rivas, Luis Piedrahita, Ramón Villares, Xoán Tallón, Pedro Puy, Marta Lois, Xosé Manuel Núñez Seixas e Xosé Antonio Touriñán, entre outros. Tamén destaca a implicación de Siro López. Precisamente, o traballo documental segue o fío do proceso creativo de Siro López, quen trata de ir descubrindo os trazos esenciais de Camba para poder debuxar a súa caricatura.
No hotel Palace de Madrid, escenario do documental, entregaranse o día 14 os premios do certame Julio Camba, ao que se presentaron máis de 230 artigos.
Novos «podcast»
Ademais do proxecto audiovisual, Aser Álvarez tamén desenvolveu traballos en formato «podcast» nos que recupera algún dos artigos de Julio Camba. «Temos a idea de crear máis para darlle unha nova vida aos seus artigos a través dun formato contemporáneo. Neles vese que os textos son perfectos xa que non se lle pode quitar nada sen que perda sentido», detalla o responsable de Arraianos Producións.
Outro dos proxectos nos que está traballando é o de publicar un libro con textos inéditos de Julio Camba, incluíndo tamén traducións ao galego. «O obxectivo final sería facer unhas obras completas xa que hai moito material inédito», apunta Aser Álvarez.