Da inocentada colectiva anual

AROUSA

MARTINA MISER

O Nadal non tivo a súa orixe primixenia no cristianismo e continuou mudando ata o que vemos hoxe: poboacións enteiras a facer o ridículo competindo por ver onde colgan máis luciñas

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É curioso este tempo de Nadal. Permite observar os estraños comportamentos colectivos nestes días. O Nadal non tivo a súa orixe primixenia no cristianismo e continuou mudando ata o que vemos hoxe: poboacións enteiras a facer o ridículo competindo por ver onde colgan máis luciñas sen que importen crenzas nin persoas; nin que o gasto sexa de diñeiro público, que tanta falta fai para o ámbito social e, por máis, transformouse nun remuíño imparable de consumo sen sentido, sen necesidade ningunha.

A palabra Nadal ou natividade na lingua ten orixe tardía, de alá polo século X; deriva do verbo nacer, en latín nasci, do que veñen toda outra serie de palabras: nacemento, nacente, nación, renacemento, nativo, natureza, innato. Así que estes días conmemorouse, desde sempre, o nacemento. E digo desde sempre porque aínda foi no século IV, máis ou menos, cando se asimilaron as conmemoracións desas datas coa da chegada de Xesucristo ao mundo, sen que en ningures exista constancia de que tal cousa ocorrese un 25 de decembro. Neses días coincide o remate das faenas derivadas das colleitas e son xornadas nas que non se podía realizar traballo agrario neste hemisferio pola crueza meteorolóxica. Pero empeza a crecer o tempo de luz: desde o 21 deste mes o día vai avanzando aos poucos para irlle ganando á noite. Aproveitando ese feito de que a luz se impón á escuridade, transformáronse as festas que había na do nacemento do Salvador, que veu, conforme a doutrina cristiá, para botar luz sobre a Humanidade.

Tal conmemoración debería ser motivo de alegría, particularmente, para os crentes. Porén, así como evolucionou de Festa da Luz a Nadal, tamén está a cambiar agora a pasos de xigante, mantendo o carácter festivo: é a Gran Festa do Consumo, celébrase o benestar, o poder adquisitivo, o termos de todo. É, por unha banda, incentivado oficialmente desde os Estados occidentais que por norma establecen vacacións, de feito e de Dereito, e unha manchea de días non laborables; e, pola outra, os mecanismos comerciais de publicidade que divulgan campañas comerciais pintándonos un mundo e un existir marabilloso vinculado ás compras compulsivas, sen que exista ningún organismo oficial que impida tanto engano.

No fondo parece que estean a dicirnos que hoxe, Día dos Santos Inocentes, estamos cada un de nós de celebración. A etimoloxía da palabra inocente sinala ao que non sabe, ao que non ten coñecementos. O cristianismo enlazouna coa matanza que describe o Novo Testamento, na que Herodes I mandou decapitar a todos os nenos menores de dous anos porque unha profecía sinalaba que acababa de nacer o que ía ser rei dos xudeus, o que ía ocuparlle o trono. Que no día de hoxe se permitan bromas e trolas non se sabe moi ben se ten máis relación coa propia etimoloxía da palabra inocente ou cunha antiga Festa dos Tolos, na que se permitían burlas, chanzas, disfraces e da que aínda queda, cerca de aquí, pola zona de Sanabria, a chamada Obisparra, que se describe como unha inocentada colectiva.

En realidade, niso está convertido todo o Nadal: Nunha inocentada colectiva na que todos nos volvemos tolos coas trolas inmensas que nos meten polos ollos e nos fan imaxinar vivirmos, folgando, nun mundo de fantasía. Xa virá o xaneiro. Aínda que, claro, como ser, seguiremos a ser inocentes, poránnos as rebaixas.