A Concellería de Cultura destina 4.000 euros a financiar a actividade do Cine Club Ádega

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Acto do Cineclube Ádega
Acto do Cineclube Ádega Martina Miser

Servirán para custear a súa programación ordinaria e mais a Semana do Cine de verán

13 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Concellería de Cultura de Vilagarcía vén de lle conceder ao Cine Club Ádega unha achega de 4.000 euros para financiar as actividades de promoción da cultura audiovisual que desenvolve no municipio. A axuda materializouse a través da sinatura do convenio de colaboración que ten como obxectivo financiar as proxeccións regulares que a entidade fai no Salón García, así como a programación extraordinaria da Semana de Cine que se leva a cabo en verán. Segundo apunta Ádega na súa memoria, unhas 2.000 persoas gozaron destas iniciativas este ano.

A actividade ordinaria obxecto do convenio de 2025 consistiu na exhibición de películas non comerciais, a maior parte das veces en versión orixinal, dous mércores de cada mes e no marco dos ciclos de Cine Español, Mulleres Directoras, Filmoteca, Cine e Educación e Dúas olladas ao norte de Portugal.

Tamén no marco do convenio se desenvolveu na primeira semana de agosto a Semana de Cine, con proxeccións diarias e actividades para todos os públicos. Este ano fíxose unha dobre función da premiada Sirat. Trance en el desierto de Oliver Laxe e un ano máis celebrouse o Cine ao Aire Libre no Castriño.

A maiores da achega económica, o departamento que dirixe Sonia Outón apoia o cine club poñendo a súa disposición de xeito gratuíto o Salón García para a realización das proxeccións e tamén proporcionándolle o material publicitario para a súa promoción.