Martín e Drawe xogan a final do Torneo de Integración de tenis de mesa de Cambados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Elena Fernández

A iniciativa do club e de ONG Rescate serve de prólogo á creación dun equipo federado de migrantes

02 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha trintena de persoas refuxiadas, xogadores do Cambados Tenis de Mesa e membros do equipo técnico e do voluntariado da entidade humanitaria ONG Rescate participaron na tarde do pasado sábado no Torneo de Integración organizado pola entidade deportiva e a organización sen ánimo de lucro coa colaboración do Concello de Cambados.

No pavillón do colexio de San Tomé, a actividade buscou facer do tenis de mesa unha ferramenta de integración social e de participación activa na vida comunitaria dos migrantes, na súa maioría procedentes de Mali, que levan xa case un ano vivindo en Valga e en Padrón agardando pola resolución de cadanseu expediente de asilo mentres se forman e, nalgún casos xa, atopan traballo na zona.

A actividade en San Tomé contou coa presenza do alcalde de Cambados, Samuel Lago, e das concelleiras de Servizos Sociais e mais de Deporte, que salientaron a importancia da promoción e celebración deste tipo de iniciativas para reforzar a cohesión social e promover os valores da solidariedade e da inclusión.

Lucas Martín e Chretchna Drawe disputaron a final do torneo, con vitoria do primeiro por 3-1, con María Ana Valladares e con Yoshenii chegando ás semifinais.

A experiencia camiña en liña co plan do Cambados TM de contar a vindeira tempada cun equipo federado formado polo colectivo de refuxiados en Valga e Padrón.