A directora xeral de Igualdade participou na presentación de «Mulleres en rede» na Arousa
AROUSA
O proxecto busca documentar en vídeo a experiencia e memoria de mulleres de diferentes concellos galegos
28 nov 2025 . Actualizado a las 13:36 h.O Centro de Interpretación da Conserva da Arousa foi o lugar elixido para a presentación do proxecto Mulleres en rede, que busca recoller as memorias e experiencias das mulleres de avanzada idade de diversos puntos de Galicia, construíndo así un arquivo audiovisual e un relato compartido. As mulleres arousás son o novo obxectivo dunha iniciativa da que participan tamén veciñas da parroquia de Vilaño, na Laracha, e que bebe de Mulleres de Castelo, que no 2023 fixo o propio entrevistando a veciñas da aldea de Castelo, en Culleredo. Precisamente a asociación cultural Castelo Conta é unha das impulsoras, da man do Colectivo Grigri e co apoio da Xunta de Galicia. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, estivo onte na Illa, onde aproveitou para destacar o papel imprescindible que as mulleres xogan no rural, e a importancia de iniciativas que buscan promover espazos de reflexión, de apoio e de conexión entre elas e mais o apoio que o goberno galego brinda ao proxecto.
No acto participaron parte das mulleres entrevistadas para o documental e do equipo produtor. Entre eles, a cineasta e comunicadora Hadriana Casla e o actor e humorista Xosé A. Touriñán, que foron os encargados de contactar e xuntar as mulleres. A iniciativa Mulleres en rede busca visibilizar o valor dos coidados, tarefa que recae de xeito maioritario e tradicionalmente nas mans das mulleres, para pensar a súa distribución e camiñar cara fogares e comunidades corresponsables.