Persoas adolescentes e adultas participaron por vez primeira no deseño da campaña ao longo dun proceso de escoita activa
19 nov 2025 . Actualizado a las 08:21 h.Nas antípodas do maltrato, o concepto de botrato, acuñado pola psicóloga valenciana Fina Sanz, vén de ser adoptado por Vilagarcía para simbolizar o rexeite ás violencias machistas na conmemoración do 25N. Froito, por vez primeira, dun proceso de escoita activa a adolescentes e adultos, o programa que se desenvolverá ao longo da semana que vén foi presentado onte pola concelleira de Igualdade, Tania García, a quen acompañaron Paula Rodríguez, axente de Igualdade, e Julia Barbosa, responsable do Centro de Información á Muller.
VilaBotrato é o lema que encabeza unha campaña na que Vilagarcía reivindica a construción dunha cidade na que a convivencia en harmonía e igualdade constitúe un principio fundamental. Dende onte, o eslogan está presente nas marquesiñas das paradas do transporte público, a rotulación dos propios autobuses e os carteis distribuídos nos establecementos comerciais e hostaleiros do municipio.
O seu deseño parte dun anovador proceso no que veciños e veciñas expuxeron as súas ideas sobre o bo trato concibido dende unha perspectiva de xénero. «As frases que ilustran a campaña —subliñou Paula Rodríguez— son algunhas das definicións realizadas polo medio cento de mozos e mozas de centros educativos e o persoal técnico do Concello que asistiron ás sesións de traballo que convocamos». Unha iniciativa coordinada polas técnicas de Peaky Branders, a axencia de comunicación de mulleres creativas e creadoras que tutelou este procedemento.
«O botrato é máis ca ser amable ou unha palabra bonita. É o contrario á violencia», engadiu Rodríguez, quen relatou algúns dos exemplos desas definicións achegadas por persoas adolescentes e adultas da cidade. Dende «botrato non é só quen fai a comida, é quen pode estar no salón» ata «botrato é que ninguén decida no meu corpo». Son moitas, recoñeceu a axente municipal, as cuestións que ficaron no tinteiro, polo que a área de Igualdade colgará na web municipal o documento que recolle todas e cada unha das conclusións destas xornadas de escoita e traballo.
O programa en si mesmo abrirase no auditorio este mesmo venres, 21 de novembro, co festival reivindicativo no que participará o alumnado dos centros de Vilagarcía, desta volta articulado a través da música de Pauliña.
O mesmo venres, xa ás 20.30 horas, o Salón García acolle a proxección da película Eu son Nevenka, o filme que Icíar Bollaín dirixiu sobre o implacable acoso sexual e colectivo que sufriu a concelleira popular de Ponferrada Nevenka Fernández. O martes 25 terá lugar a lectura do manifesto institucional no Concello de Vilagarcía, coa colaboración da escola municipal de música. E o venres 28, ás 19.30 horas no Salón García, a peza teatral A peito descuberto, protagonizada por Marta Carrillo.
Vilabotrato como eslogan. Que a parada de autobuses do Cavadelo fose escollida para a presentación da campaña do 25N non é froito da casualidade. As definicións de «botrato» achegadas polas persoas que participaron no proceso de escoita activa están presentes, dende onte, na rotulación do transporte público da capital arousá. Na imaxe, Tania García, Julia Barbosa e Paula Rodríguez.