Arosa: «A Illa é un lugar pequeno, pode camiñarse en dez minutos, ese é o noso plan»
AROUSA
As obras en varias das rúas máis céntricas son o paso seguinte ao plan en busca facer da localidade un lugar máis habitable para os veciños
14 nov 2025 . Actualizado a las 23:03 h.A actualidade política arousá durante o último ano estivo marcada polo ambicioso plan de tráfico sacado adiante polo goberno local liderado por Luis Arosa e que supuxo, xa non so cambios de circulación en moitas das rúas da localidade, senón restricións do acceso a vehículos a determinadas áreas do centro da vila, creando unha zona residencial.
O groso das medidas implantáronse durante o verán, pero aínda se están levando a cabo retoques. Alén dos cambios de sentido de varias rúas, outra das patas do plan de mobilidade pasa pola adaptación de parte da trama urbana á nova realidade proxectada. É dicir: obras. Nos últimos tres meses leváronse a cabo actuacións na rúa As Rubas e iniciáronse na travesía Ramón Cabanillas, que se atopan na súa recta final. A comezos de novembro, o Concello tamén sacou a licitación a humanización das céntricas rúas Naval, Marqués de Brandomil e Manuel Graña. Puntos estratéxicos da vila que, unha vez renovados, darán ao municipio unha sensación máis natural e humana, segundo explica o rexedor arousán.
E diso trata, en definitiva, o proxecto cara o que avanza A Illa e que Arosa defende que non é teima da súa corporación, senón a materialización do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do 2017, en cuxa redacción participaron «tódolos actores da vila», contando coa opinión de asociacións cidadás, económicas e sectoriais: «Non é un invento meu, é un modelo de cidade e de vida que buscamos para unha vila moi pequena que pode camiñarse dun punto a outro en dez minutos. Iso é o que queremos».
A resposta de parte da veciñanza foi negativa nun primeiro momento, especialmente entre os comerciantes, que temían o efecto que sobre o turismo podían ter as medidas. Sen embargo, en tempos políticos nos que as decisións impopulares queiman, non lle tremeu a man. O tráfico adaptouse, menos coches circulan polo centro e os turistas non deixaron de visitar A Illa nun dos veráns récord no municipio: «O turismo é bo, moitos dos nosos veciños viven disto, pero hai que ordenalo».
«O tempo darame a razón, algúns xa ma están dando», afirma Arosa, apuntando a que varias persoas que vían con receo o plan de tráfico acabaron recoñecendo que este foi un dos anos que máis venderon. O dirixente socialista asume, iso si, que puideron cometer erros no proceso que deberán ir corrixindo: «Pero para comprobalo, había que poñer os cambios en marcha». A falta deses matices, o gran proxecto do goberno local para este mandato está «encauzado».
O foco de Arosa situarase a partir de agora no espazo de Testos, onde el e o seu equipo buscan avanzar na construción do pavillón deportivo, o pulo ao paseo do Cantiño, a construción de vivenda pública, e a mellora das instalacións do Torre-Illa. Precisamente para falar destes proxectos reuniuse o pasado sábado co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen segundo palabras do propio alcalde, amosouse «moi receptivo».
Lagartiños e Chasán, últimas rúas en ser obxecto dos cambios de sentido
Malia que o plan de tráfico atópase nas súas últimas fases, o rexedor recoñece que aínda hai algúns axustes que deben facer. As últimas rúas en sumarse aos cambios son Lagartiños e Chasán, ambas no norte da illa. Estás vías, ata agora de dobre sentido, pasarán a ser de sentido único: Lagartiños en dirección ascendente, cara a rotonda do Aguiuncho, e Chasán en dirección descendente, desembocando na propia Lagartiños e creando así unha sorte de circuíto pechado que pretende distribuír o tráfico dun xeito máis ordenado nas inmediacións do porto e a praia do Cabodeiro.
Similar proceder ao que pasou en rúa Outeiro da Vila, que se converteu de sentido único, considerando que a paralela Castriños podía soportar o tráfico en dirección sur. Co fin de avalar esta medida, a Policía Local levou a cabo un estudo do tráfico na vía que pasa a carón do cemiterio, confirmando que a maior parte do tráfico ía en dirección ao centro da vila. O mesmo se fixo en travesía Cabanillas antes de comezar a reparación da calzada e o resultado foi que máis de mil coches pasaban ao día por unha rúa que viña precisando dende fai tempo un reasfaltado. As polémicas cámaras de tráfico instaladas na localidade rexistraron o dato que resume a situación da Illa antes deste plan: 50.000 matrículas nun día nun municipio de menos de 5.000 habitantes.