Vilanova poderá coñecer a historia real dunha ferrolá xulgada por adulterio
AROUSA
A última xornada do Mestre Mateo proxectarán no auditorio Valle-Inclán o documental Prefiro condenarme
01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa volverá acoller unha nova xornada do ciclo de cine Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual que ten como fin achegar aos veciños de diferentes concellos da provincia longametraxes e documentais galegos.
Nesta ocasión, sera a quenda de Prefiro condenarme, un documental de Margarita Ledo, do ano 2024 e que conta a historia real dunha muller xulgada por un delito de adulterio no ano 1972, durante a ditadura franquista. Sagrario Ribela foi unha mariscadora da ría de Ferrol que se viu envolta, aos seus 33 anos, nun xuizo levado polo tribunal eclesiástico de Compostela. Na peza, Sagrario colócase fóra da regra, e ao desobedecer reivindica o desexo como lei non escrita, así como a igualdade coas de arriba, ás que ninguén critica. A cinta rodouse en localizacións de varios municipios de Ferrolterra e na propia cidade do arsenal.
Trátase da última data dun ciclo que durante o mes de outubro achegou a Vilanova outros sete títulos, entre os que se contan os documentais Aurora e Filmei paxaros voando ou longametraxes como Honeymoon ou As Neves.