Do dereito á información medioambiental

AROUSA

Martina Miser

As administracións e os actores políticos entraron de cheo no xogo da confusión

28 sep 2025 . Actualizado a las 09:27 h.

Tempos de incertezas os que nos tocan vivir. Incertezas, que paradoxo, baseadas nun exceso de fontes de información. Hai poucas décadas a dificultade estaba en dispor delas para coñecer diversos aspectos da vida. Era difícil saber. Agora non é así. O esforzo nesta barafunda de fontes de información é dobre: ter, como antes, a vontade de saber e, ademais, facer un labor permanente de selección, de poda. As trolas, as noticias falsas, a desfiguración dos feitos, a propaganda, atentan contra dereitos fundamentais dos cidadáns se van disfrazados de información. Cando son os políticos os que os difunden, a situación é peor porque elixímolos para confiarmos neles. Ese traballo de poda da información faise difícil porque a cidadanía en xeral tamén contribúe á desinformación, particularmente a través das súas redes sociais, blogs, webs e outros tipos de páxinas de internet. E, por suposto, a utilización das redes sociais como instrumentos de notificación por parte das institucións públicas incrementa ata o infinito a desprotección do cidadán. Hai concellos do Salnés que transformaron Facebook nun medio de notificacións, permitindo que terceiros reinterpreten e terxiversen o contido. Como pode un particular recorrer en tempo contra un anuncio publicado no Facebook?. Dá medo esta situación porque estamos a xogar cun dereito fundamental. A Constitución española sitúa na máxima categoría, como dereito fundamental, o dereito á información, á mesma altura que a liberdade de expresión. A liberdade de expresión é subxectiva, pertence a cada individuo e a todos; a liberdade de información é obxectiva e ten que basearse na verdade. Pódese opinar ata para desinformar, pero non se pode informar opinando. A liberdade de expresión refírese á libre manifestación de pensamentos, ideas, opinións, crenzas, xuízos de valor. O dereito de información refírese a podermos coñecer feitos que poden probarse con exactitude. O dereito á información está protexido na Constitución española coa categoría de fundamental e, por iso, o nuclear artigo 20 recoñece, literalmente, «o dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión». Di tamén a Norma Suprema que este dereito vincula os poderes públicos. O propio Tribunal Constitucional ensínanos que se non distinguimos entre feitos e opinións non cabe construírmos unha sociedade aberta, baseada na información veraz e no debate libre. O exercicio do dereito á información fidedigna está en perigo pola infinidade de fontes de información, pero tamén polas dificultades que poñen a Administración pública e os actores políticos que, tantas veces, fan comunicacións que se apartan da veracidade. No caso de España vivíronse dificultades extraordinarias para investigar a etapa franquista ata pasados máis de corenta anos da Constitución. Incrible. Agora mesmo segue a haber diversas infraccións deste dereito fundamental. A modo de exemplo, a maioría dos Concellos da zona non teñen ao día a información da contratación administrativa. Tampouco hai un acceso comprensible, non contraditorio, á información medioambiental, en especial á aquela que afecta á contaminación de solos e augas. Hoxe conmemórase en todo o mundo o Día Internacional do Acceso Universal á Información e a ONU céntrase na medioambiental resaltando a importancia vital dun acceso completo, pedindo que se fomente a transparencia e se apodere á cidadanía para participar na gobernanza medioambiental. No que atinxe a esta comarca, as EDAR da ría de Arousa están a ser contaminantes sobre todo con nitróxeno. Sen embargo non é doado, polos datos contraditorios do Ministerio e de Augas de Galicia, dispor dun coñecemento exacto de cada EDAR, facendo notar que como as desta comarca van dar case en exclusiva á ría de Arousa, non é suficiente que unha ou outra funcionen axeitadamente, porque é imprescindible que todas o fagan. Hai que velas en conxunto, non municipio a municipio. A futura reforma anunciada, porque agora contamina, da de Vilagarcía non valerá de nada se as de Cambados ou Vilanova seguen a empezoñar. É imprescindible que ningunha contamine. Nin é así nin temos fácil sabelo. Estamos diante dunha vulneración do dereito fundamental á información e se a iso engadimos a propaganda institucional, resulta que é difícil distinguir información de opinión. Iso é vulnerar os dereitos fundamentais da xente.