Unha mostra fotográfica para recordar o pasado de Guillán

xacobe lamas VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A exhibición, que será inaugurada o sábado, poderá visitarse ata finais de mes

12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo coas celebracións do lugar, o sábado ao mediodía terá lugar a inauguración dunha exposición fotográfica na casa da cultura de Guillán.

Baixo o título «Guillán no recordo», a mostra amosará retratos dos veciños durante os últimos 40 anos, tomados todos eles polo mesmo autor —e impulsor da iniciativa—, Joaquín Rodríguez, fotógrafo afeccionado que recompilou o traballo de toda unha vida co obxectivo de «que a xente poida verse reflectida no que eramos e somos».

As instantáneas estarán divididas en dous grupos: retratos e paisaxes. Entre o segundo conxunto atópanse dúas fotos que non son da autoría de Rodríguez, senón que son recortes de prensa que axudan, na súa opinión, a dar contexto relevante á mostra. Os espectadores poderán contemplar, entre outras, imaxes do primeiro centro cultural de Guillán, O Tarabelo, o desaparecido poboado xitano ou un edificio da escola infantil cun aspecto totalmente diferente ao que presenta actualmente.

Na iniciativa colaboran a comunidade de montes de Guillán e mais o Concello de Vilagarcía. Representantes de ambas institucións acompañarán a Joaquín Rodríguez o sábado na inauguración da mostra, que poderá ser visitada ata o 30 de setembro.