O BNG urxe rigor e axilidade nas labores de arranxo do albergue de Carril

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Afean a PP e PSOE os enfrontamentos que están a manter, no canto de centrar os esforzos na solución do problema

12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante a delicada situación do albergue de peregrinos de Carril, que se mantén pechado trala detección dunha serie de deficiencias, as cales poderían supoñer un risco para a seguridade dos aloxados e traballadores, o grupo municipal do BNG esixe «rigor» ás administracións e sinala a urxencia de arranxar canto antes as posibles imperfeccións.

Os nacionalistas afean ao Concello de Vilagarcía e a Xunta de Galicia o cruce de acusacións no que se atopan inmersos dende que o pasado sábado a Consellería de Turismo ordenase a clausura do edificio: «O problema non é se a culpa é do PP ou do PSOE. O problema reside en que existe unha obra inaugurada hai apenas dous meses, na que se evidencia que non estaba ben feita e que presenta unhas deficiencias que pasaron desapercibidas, polos motivos que sexan, e que hai que corrixir».

O BNG urxe a comezar os arranxos canto antes, «para garantir a máxima seguridade tanto das persoas usuarias coma das persoas que traballan no edificio», axilizando todo o posible os prazos e a posta en marcha das labores de reparación.

Alertan, ademais, de que no caso de necesitar orzamento para o inicio dos arranxos, estas obras deberían ser consideradas prioritarias, «máis contando cuns orzamentos prorrogados e rematando 2025 sen orzamentos».