O punto de encontro de material escolar Wallapiñe regresa ao Piñeiriño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O barrio de Vilagarcía celebra este sábado o seu mercado de llibros e outro tipo de artigos para o curso escolar

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación veciñal Breogán organiza este sábado, 6 de setembro, un novo punto de encontro de libros e material escolar de segunda man no Centro Cultural Breogán, coñecido como WallaPiñe. A cita desenvolverase de 18 a 20 horas e busca dar resposta ás dificultades que moitas familias atopan neste inicio de curso para facerse cos libros.

O WallaPiñe funciona mediante formularios: cada persoa interesada en vender, intercambiar ou doar enche os datos e colócaos en mesas organizadas por cursos, nos apartados de busco ou vendo/intercambio. Moitos veciños achegan tamén material para doar, que queda dispoñible para quen chegue primeiro.

A asociación non cobra nada nin intermedia: só cede e organiza o espazo na rúa Fermín Bouza-Brey.

Nacido no 2023, o WallaPiñe pasou de ser unha proba puntual a consolidarse como cita anual, ampliando no 2024 a barrios como Trabanca Badiña e Faxilde. Aberto á veciñanza, dentro e fóra de Vilagarcía, o obxectivo é facilitar o acceso ao material escolar, reducir gastos e fortalecer a solidariedade.