Os socialistas piden solucións para os atascos do verán no acceso a A Illa

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Atascos na PO-307 á altura do semáforo da Pantrigueira
Atascos na PO-307 á altura do semáforo da Pantrigueira MARTINA MISER

O grupo parlamentario presentou unha proposición non de lei 

13 jun 2025 . Actualizado a las 16:18 h.

Chega o verán en con el os problemas á estrada PO-307 que dá acceso á ponte da Illa de Arousa. E, de novo, os socialistas volven dirixirse á Xunta para pedir que busque unha solución para evitar o colapso de tráfico nesta estrada, especialmente nas horas punta de entrada e saída das praias. O punto máis conflitivo está á altura do semáforo de Cardalda, no termo municipal de Vilanova, onde se xeran retencións que acaban afectando a todo o tramo da PO-307, incluída a ponte.

O Grupo Parlamentario do PSdG-PSOE, a través da súa deputada Paloma Castro, presentou unha proposición non de lei no Parlamento para instar á Xunta de Galicia a tomar medidas que contribúan a evitar que o semáforo que regula o tráfico no acceso a San Miguel e A Pantrigueira siga actuando como «un tapón».

«O Concello da Illa solicitou en numerosas ocasións á Xunta de Galicia unha xuntanza para abordar este problema e buscar alternativas de regulación do tráfico que minimicen os prexuízos. Non obstante, a Xunta non respondeu a estas solicitudes», explican os socialistas, que aproveitan esta iniciativa parlamentaria para pedirlle explicacións ao Goberno galego por esta negativa a reunirse co rexedor socialista, Luis Arosa.