Tania Álvarez recibe unha Mención Honorífica dos Premios CSD-Carreira Dual

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Os galardóns recoñecen a excelencia á hora de compaxinar deporte e estudos

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tania Elizabeth Álvarez Yates ten demostrado de sobra a súa calidade na dobre faceta de deportista de elite e de estudante na vangarda das aulas universitarias que leva anos cultivando. Esta semana, a sinatura do presidente do Consejo Superior de Deportes (CSD), José Manuel Rodríguez Uribes, deu fé, rubricando a resolución do outorgamento dos Premios CSD-Carrera Dual do ano 2024. Uns galardóns que chegan á súa segunda edición, coa finalidade de recoñecer o dobre mérito deportivo e académico dos mozos deportistas de España que máis salientan nestas dúas vertentes, a cada cal máis esixente.

No caso da padexeira do Breogán do Grove, figura como un dos tres deportistas distinguidos desta volta cunha Mención Honorífica, xunto con Héctor Díez Severino, patinador artístico da Universidad de Cantabria, e Marta García Rincón, halterófila de Castela e León e alumna da Universidad de Salamanca. Un chanzo por riba dos tres, Óscar Salguero Galisteo, nadador adaptado catalán e estudante da Universidad Autónoma de Barcelona, recibiu o Premio CSD-Carrera Dual.

Cales foron os méritos acumulados por Tania Álvarez no 2024 para resultar merecente da Mención Honorífica do máximo órgano deportivo do estado? Pola vertente deportiva, o seu subcampionato de Europa de K1 e o cuarto posto no Mundial de K2 de maratón, a súa disciplina piragüista, aos que engadiu o bronce no K1 da quincuaxésima edición da Waterland Marathon en Amsterdam, dous títulos, un subcampionato e un bronce no Campionato de España de fondo.

No capítulo académico, a grovense concluíu o programa de doutorado en Educación, Deporte e Saúde coa presentación e defensa na Universidade de Vigo da tese doutoral Are neuromuscular parameters capable of predicting sport performance in elite kayakers and canoeists?, obtendo a cualificación de sobresaínte Cum Laude con Mención Internacional.

Cómpre dicir que a distinción a Tania Álvarez partiu da deliberación dunha comisión de valoración creada a tal efecto e aprobada pola Dirección General de Deportes do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes, tras analizar as candidaturas presentadas polos órganos con competencias en materia deportiva das comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e de Melilla.

No tocante ao currículo deportivo de Tania Álvarez, a padexeira do Breogán do Grove ten xa asegurada unha praza na selección española que acudirá ao Campionato Europeo de Maratón deste ano, no K1 de distancia estándar logo de remartar subcampioa nacional absoluta. Unha praza á que é probable acabe sumando a do K2 coa luguesa Tania Fernández.