57 proxectos irrompen na final dos premios Martín Códax da música

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Foto de familia dos finalistas, reunidos na sede de Bodegas Martín Códax.
Foto de familia dos finalistas, reunidos na sede de Bodegas Martín Códax. Mónica Irago

O público poderá escoller as bandas, intérpretes, salas, festivais e comunicadores que acadarán os galardóns nas 19 categorías

10 may 2025 . Actualizado a las 09:52 h.

Con doce edicións ás súas costas, os premios Martín Códax da música posúen xa os seus propios rituais. A inscrición de aspirantes, sempre masiva. A peneira que un xurado profesional sostén para escoller os 57 proxectos finalistas. Por fin, a súa presentación nunha festa, que no serán deste mércores acolleu en Cambados a adega arousá que mantén aceso o lume do recoñecemento colectivo dos músicos galegos e en galego.

Ata o 25 de maio, tanto o público en xeral coma os membros da asociación Músicas ao Vivo, o segundo piar desta magnífica construción cultural, poderán votar as súas bandas, intérpretes, salas e comunicadores favoritos. Todo, coa vista posta no meirande encontro anual da música en Galicia: a gala de entrega dos galardóns que o 28 de maio tomará o Pazo da Cultura de Pontevedra.

Foron Xoán Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax, e Shelia Patricia, de Músicas ao Vivo, quen actuaron como mestres de cerimonia na xuntanza dos finalistas. Os primeiros en coñecerse foron os da categoría de blues, funk e soul. Son Víctor Aneiros, Helena Egea e Allo Negro. Alana, Coanhadeira e De Ninghures compiten na de folk. En músicas do mundo e mestizaxe, os finalistas son Crúas, Fanfarria Taquikardia e TanDub. En canción de autor, Miguel Bouzó, Rocío Caamaño e A Pedreira.

Estilos urbanos

Músicas urbanas aposta por Amoebo, Hugo Guezeta e Nadie González. As orquestras están representadas por A Banda da Balbina, Los Satélites e Son das Tabernas, mentres que, en metal, os escollidos son Acouga, Brutal e Sicixia. No nivel de bandas de música popular figuran as de Caldas, O Rosal e A Estrada. Carmela, Faia e Unto Vello pasaron o corte en música tradicional. Brais das Hortas, Golfiño e Pakolas son finalistas en infantil. E María Domínguez, Juan Eiras e María Mendoza, en música clásica e contemporánea. Na electrónica, Lontreira, Rumi e Russ. En jazz, Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto e a Orquestra Galega de Liberación. En rock e punk, Os John Deeres, Loita Amada e Mad Martin Trío. E en pop e indie, Måi, Sabela e Zavala.

As últimas categorías son a de artista emerxente (Ash Diz, Ulex, Paracetafolk) e os tres Organistrum: mellor sala (A Pousada da Galiza Imaxinaria, Rebullón, Riquela), festival (Asalto ao Castelo, Festas de San Pedro, Millo Verde) e comunicador (Cuac fm, Recollendo Músicas, A Canle de Rodri Míguez).