O antollo de subirse a un Porsche Panamera, cando non mercalo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O alcalde respaldou a feira do coche de segunda man, cun híbrido do fabricante alemán por 87.900 euros marcando o prezo máximo

12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A feira do vehículo de segunda man Motor Okasión iniciou onte a súa segunda década de traxectoria en Fexdega. Fíxoo co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e co concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, visitando ao mediodía o despregue dos preto de 500 vehículos á venda no recinto feiral.

Varela e Carou puideron departir co responsable dalgún dos once concesionarios oficiais e multimarca presentes no salón, que, declarou o rexedor, «nos transmiten a súa satisfacción polas vendas» cada vez que participan en Motor Okasión. Operacións que o ano pasado acadaron a nova marca da cita vilagarciá, chegando ás 110 durante os daquela catro días de apertura, e elevándose ata as 135 ao sumarlle a organización as compra-vendas asinadas polas empresas participantes a semana seguinte relacionadas coa súa actividade na feira da capital arousá.

Na compaña dos dous representantes do goberno municipal, o director de Motor Okasión, Juan Lijó, salientou na presentación informal do evento a aposta do salón principalmente polos concesionarios multimarca a fin de, dixo, «disponer de modelos de todos los fabricantes y precios», desde os 7.000 aos 80.000 euros. Un pouco por riba, en 87.900 euros, fixouse o prezo do este ano vehículo máis caro da feira, un Porsche Panamera 4S E-Hybrid 560 CV. Matriculado hai 4 anos e con 87.999 quilómetros, é un híbrido enchufable de 2.900 cc. A lo menos outros dous modelos de Porsche Panamera, un Turbo S de 550 cv a gasolina do ano 2012 e 292.000 quilómetros por 33.900 euros, e un 4S 4.0 V8 422 CV diésel do 2016 e 109.000 quilómetros por 70.900 euros permiten darse o antollo de, se non compralos, sentar ante os seus volantes ata mañá domingo.