Alberto García di que o Concello de Catoira denegou a licenza á pirotecnia fóra de prazo e o alcalde desmínteo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Alberto García, durante un pleno, á dereita da imaxe
Alberto García, durante un pleno, á dereita da imaxe Martina Miser

Xan Castaño cualifica o seu predecesor de irresponsable e afirma que non ten dignidade, acusándoo de non ter feito nada efectivo para evitar a instalación de Coaxe

11 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O exalcalde de Catoira e hoxe concelleiro do PSdeG-PSOE na oposición, Alberto García, cargou esta semana contra o seu sucesor no cargo, Xan Castaño (BNG), novamente a conta do conflito aberto pola licenza para instalación dunha pirotecnica no lugar de Coaxe. García esgrime un documento enviado o 13 de setembro a Castaño pola subdelegada do Goberno, Isabel Alonso, no que lle notifica ao rexedor que «la autorización de la instalación fue otorgada por esta Subdelegación en fecha 31 de julio del 2023» tras a emisión dos correspondentes informes favorables da Dependencia del Área Funcional de Industria y Energía e da Intervención de Armas y Explosivos de la Guardia Civil. Con esta notificación na man, o exalcalde sostén que «a declaración de ineficacia da comunicación previa de obras» para a construción do galpón para apeiros de labranza co que o impulsor da pirotecnia iniciou o procedemento administrativo, que Castaño asinou o pasado sábado, «está fóra de prazo».

«Moita pancarta, moita demogoxia, moito megáfono, pero a xestión administrativa está sen facer e dende o 31 de xullo este señor ten licenza» para a pirotecnia, conclúe García.

A réplica de Xan Castaño resulta igual de contundente: «Sinceramente, quen non fixo nada, nada, nada, absolutamente nada máis ca unha resolución que levou ao pleno dicindo que estaba en contra da pirotecnia cando o povo de Coaxe se rebelou contra esta inxustiza foi Alberto García. A proba é que nin tentou averiguar a orixe de todo. É un irresponsable e non ten dignidade».

O alcalde nacionalista sinala o encargo que o seu goberno lle fixo ao arquitecto técnico do Concello de Teo, previo convenio entre as dúas administracións «por carecer nós dun arquitecto funcionario», para que estudara o asunto en favor da veciñanza de Coaxe. O seu traballo permitiu descubrir que tras a comunicación previa obrigada ao Concello para poder facer, inicialmente, un almacén de apeiros de labranza, a empresa «incumpriu a Lei do Solo de Galicia, que reza que «a inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial en calquera dato, manifestación ou documento que se acompañe ou incorpore leva consigo, previa audiencia ao interesado, a declaración de ineficacia».