Tono Campos, Diego Romero e as Tanias, reis do Descenso Internacional del Sella

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

De izquierda a derecha, Tania García, Tania Álvarez, Tono Campos y Diego Romero antes de su salida en el 85.º Descenso Internacional del Sella.
De izquierda a derecha, Tania García, Tania Álvarez, Tono Campos y Diego Romero antes de su salida en el 85.º Descenso Internacional del Sella. Breogán do Grove

Eles encadearon o seu terceiro título no C2 e elas o primeiro no K2 tras tres pratas

05 ago 2023 . Actualizado a las 22:30 h.

«Había 250.000 persoas para ver a saída. Non hai unha regata no mundo que teña este movemento». O dato dánolo Diego Romero cando falamos con el e sérvenos para entender o que o arousán, da man do seu compañeiro no Breogán do Grove Tono Campos, no C2, e a tamén integrante do club Tania Álvarez, coa luguesa do Kayak Tudense Tania García no K2, conseguían a última hora da mañá do primeiro sábado de agosto na meta de Ribadesella. Atravesando os primeiros das súas respectivas categorías a chegada da 85.ª edición do Descenso Internacional del Sella. Romero e Campos, encadeando o seu terceiro triunfo na gran cita asturiana. As Tanias, desquitándose tras sumar tres pratas desde que forman parella deportiva, nos anos 2018, 2019 e 2022.

Campións do mundo de maratón, uns e outras volveron apostar por empezar o percorrido de 20 quilómetros entre a praia fluvial de Arriondas e a ponte de Ribadesella correndo os escasos centos de metros que separaban as súas liñas de saída do punto de partida dos caiacs e reducir así o seu cruce cos embotellamentos. Unha estratexia que soen seguir a maioría dos mellores, pero que nos seus casos conta co plus da técnica depurada de quenes son figuras internacionais no piragüismo de maratón e os seus porteos.

Nin dous quilómetros precisaron Campos e Romero para coller unha vantaxe cómoda, coa que encararon a baixada do caudal rexistrada nos cinco quilómetros finais por efecto da marea atravesando a meta en 1.29.36,76; case 6 minutos menos do 1.35.21,36 empregado por Julián Serrano e José Manuel Pizarro para ser segundos.

Álvarez e García foron por diante practicamente toda a regata. Con todo, nunca estiveron tranquilas ata ver a ponte de Ribadesella. «As tres veces que quedamos segundas sempre chegamos primeiras á auga e á fronte da regata ata a metade do percorrido e despois sempre nos gañaban Amaia (Osaba) e Eva (Barrios)», contaba tras a proba Tania Álvarez. Por iso, «inda que todo o mundo nos ía dicindo que iamos primeiras, nós non parabamos de mirar para atrás», ata que «despois do último xiro, vendo a ponte de Ribadesella, Tania (García) me dixo ‘Desfruta, que igual non se repite’». O seu tempo, 1.20.04,91, case minuto e medio por diante das súas ata entón bestas negras, Barrios e Osaba (1.21.30,35). Esta última, compañeira de vitoria de Tania Álvarez no Sella no 2017, o mesmo ano no que Tania García gañaba no K1.

Tania Álvarez sinala a sensación única de chegar á ponte escoitando corear os seus nomes como campioas e o valor de completar o éxito «que nos faltaba» tras as tres pratas no Sella e o ouro mundial de maratón do 2022.

Un polo costume comedido Diego Romero transmite emoción cando se lle pregunta polo que supón gañar, e por terceira vez, o Descenso Internacional del Sella: «É unha regata chula, moi chula, das máis importantes, moi espectacular, moi divertida, na que se sofre moito. Non hai unha regata coma esta».

Máis aló do prestixio, os catro galegos tiran outros dous premios polos seus triunfos no Sella. O primeiro, metálico, con 1.400 euros para o primeiro C2 e 3.000 para o K2 gañador. O segundo, engadir unha excelente pedra de toque de cara ao gran obxectivo da temporada de ambas as dúas embarcacións: o Mundial de Maratón que do 30 de agosto ao 3 de setembro se disputará en Dinamarca. E para isto último, baixar o Sella, din, serve de adestramento «duro para coller un pouco de fondo».