O galego e a música, unha alianza natural na ría de Arousa

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ofrendas florais e concertos de grupos como os de De Vacas e Luar na Lubre, marcan unha xornada para reivindicar a nosa lingua

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de maio é día de celebración e de reivindicación: festexamos o noso idioma e reclamamos o noso dereito a usalo, o seu dereito a ser defendido. Na bisbarra do Salnés, os actos organizados co gallo do Día das Letras, este ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, xa veñen desenvolvéndose nas últimas xornadas. Onte mesmo, colexios como o de Castrelo (Cambados) celebraron unha Romaría. A rapazada e as súas familias viviron unha mañá chea de experiencias, coñecendo vellos oficios e disfrutando dos xogos cos que xa gozaban nenas e nenos hai moitos, moitos anos. Outros centros de Cambados, igual que algúns de Vilagarcía, celebraron festivais das Letras. E houbo tamén colexios e institutos e colexios, como os de Valga, que sacaron ao alumnado a correr pola lingua. Hoxe, concellos e asociacións toman o relevo, enchendo o día de flores, música, e moitas cousas máis.

 

<span lang= gl >Máis de trescentos alumnos do IES de Valga, do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza e do Xesús Ferro Couselo participaron onte na Carreira pola Lingua.</span>
Máis de trescentos alumnos do IES de Valga, do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza e do Xesús Ferro Couselo participaron onte na Carreira pola Lingua.

vilagarcía

Carril, no centro. Como vén sendo habitual desde hai anos, os actos centrais do 17 de maio terán como escenario Carril. Alí celebrarse a tradicional ofrenda floral ante o busto de Rosalía de Castro, ás doce do mediodía.Trátase dun acto no que participarán autoridades, representantes da cultura e veciños en xeral . A continuación haberá unha actuación de baile tradicional a cargo dos compoñentes da escola do Gato Negro e do grupo Malveiras e ás 13 horas, a formación De Vacas, famosa polas súas versións de grandes éxitos nacionais e internacionais con letras en galego e temáticas críticas e humorísticas, ofrecerá un concerto na Praza da Liberdade. A programación en conmemoración das Letras Galegas manterase ata final de mes a través de dúas exposicións: unha mostra bibliográfica sobre Francisco Fernández del Riego, situada no auditorio, e unha segunda mostrar organizada pola biblioteca municipal Rosalía de Castro.

CAMBADOS

Flores e música. O 17 de maio chega a Cambados cunha axenda que ten a súa primeira cita ás doce do mediodía, no paseo da Calzada, onde se celebrará a tradicional ofrenda floral no monumento a Ramón Cabanillas, o Poeta da Raza. Media hora máis tarde, segundo o programa, xa no parque do pazo de Torrado, a banda de música de Castrelo ofrecerá un concerto.

 o grove

Libros, contos e festa. No Grove, a Festa das Letras terá o seu primeiro escenario no entorno da capela de San Antonio, onde ás 10.30 horas comezará a Feira do Libro Galego, a cargo de Espazo Lector Nobel O Grove. Media hora máis tarde, a rapazada poderá gozar dos contos de Xarope Tulú. Contra o mediodía, haberá un encontro de pandereteiras protagonizado por agrupacións locais. Xa pola tarde, ás seis da tarde no Corgo, desenvolverase a Festa das Letras Galegas que organiza Cantodorxo. E á noitiña, cine: no auditorio proxectarase o filme As Bestas.

Na Illa escolleron unha fermosa maneira de celebrar o Día das Letras: a rapazada e a veciñanza en xeral puido escoller a súa palabra favorita.
Na Illa escolleron unha fermosa maneira de celebrar o Día das Letras: a rapazada e a veciñanza en xeral puido escoller a súa palabra favorita. Martina Miser

a illa

Mirando ao mar. A xornada pivotará hoxe arredor do peirao do Cantiño, onde os grupos de música e baile tradicional de Dorna animarán a xornada, que servirá tamén para inaugurar a tempada da sección de vela tradicional da asociación. Mesmo está prevista unha xornada de navegación libre nas embarcacións deste colectivo.

 Ribadumia

Concerto de Luar na Lubre. Para celebrar o Día das Letras Galegas, o Concello de Ribadumia organizou a que será a sexta edición da Gala Ribadumienses en Prol do Galego. A gala comezará ás oito da tarde no auditorio municipal. Nesta ocasión, a cerimonia terá como protagonistas ao CPI Julia Becerra Malvar e o CRA de Ribadumia, que serán galardoados e recoñecidos por promover nas súas aulas o uso do galego a través das sesións docentes, as actividades, actuacións musicais e teatrais... Ademais, o público poderá gozar tamén do concerto de Luar na Lubre, que presentará o seu novo traballo discográfico Luar na Lubre XX. Encrucillada. Este grupo, recoñecido tanto a nivel nacional como internacional, soubo levar a música tradicional galega a novos horizontes, fusionándoa con sons contemporáneos.