Jéssica Bouzas volve caer na primeira rolda do Mutua Madrid Open

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mutua Madrid Open

A vilagarciá perdeu en tres sets coa francesa Leolia Jeanjean tras gañar a primeira manga na súa terceira participación no másters 1.000

25 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mutua Madrid Open estáse a converter na primeira conta pendente de Jéssica Bouzas Maneiro no circuíto profesional. Certo é que se trata dun másters 1.000, un torneo situado no segundo escalafón en nivel e importancia do tenis mundial só tras os catro que conforman o Grand Slam. Pero non o é menos que tras terse asentado entre as 200 mellores raquetas femininas do planeta, e de ter acariñado a clasificación para o cadro final do Open de Australia na terceira e definitiva rolda da previa o pasado mes de xaneiro, podería haber quen crese que á terceira sería a vencida para Bouzas. Pero onte, por terceiro ano consecutivo, convidada novamente pola organización do campionato, volveu ver o punto final á súa presenza no Mutua Madrid Open sen saír da casilla de saída. Caendo no primeiro cruce do cadro da previa. Desta volta coa francesa Leolia Jeanjean coma verdugo. O resultado, 6-4/3-6/4-6, logo de 2 horas e 7 minutos de xogo sobre a terra batida da capital española. 

É moi probable que a galega notase a falta de rodaxe competitiva que leva logo de que unha lesión muscular no Sunderland W60 Pro Series de Gran Bretaña cortase a finais de xaneiro o seu excelente inicio de temporada na súa xira australiana. Desde entón, catro derrotas e unha única vitoria, cunha recaída polo medio, ata que a semana pasada gañaba dous encontros para plantarse nos cuartos de final do W60 Koper Open de Eslovenia.

Con este condicionante chegaba onte á mañá Jéssica Bouzas, actual número 182 do circuíto internacional, ao seu duelo cunha Leolia Jeanjean que con sete anos máis nas pernas e na cabeza, ocupa o posto 137 no panorama mundial tras a última actualización do ránking no día de onte. Jéssica gañou a primeira manga 6-4 e tras ceder a segunda 3-6 non foi quen de enfiar a vitoria logo de verse 3-0 de saída na terceira.