O cadete A venceu 1-3 o cadete B merengue na histórica visita a Valdebebas
01 mar 2023 . Actualizado a las 21:31 h.O Arousa conta desde o 1 de marzo do 2023 con outra notable anotación nos anais dun club camiño xa dos 80 anos. O paso dunha expedición de case 60 xogadores, técnicos e directivos da entidade arlequinada pola Ciudad Deportiva do Real Madrid en Valdebebas pechouse na tarde deste mércores co premio a maiores da vitoria do cadete A vilagarcián sobre o cadete B do club máis laureado da historia do fútbol mundial: 1-3.
Logo de desfrutar dunha visita guiada pola mañá á Ciudad del Fútbol de Las Rozas, base de operacións da Real Federación Española de Fútbol, os cadetes do Arousa impuxéronse pola tarde nun dos campos do complexo de Valdebebas ao seu anfitrión. Fixérono remontando o tanto do local Jandro nunha acción combinativa por banda. David Sánchez, cun dobrete con cabezazo en saque e esquina e un remate de disparo cruzado, puxo por diante os arlequinados, e Breixo sentenciou na segunda parte. O Arousa foi superior nos primeiros 20 minutos, sabendo xestionar despois o control da pelota por parte do seu rival. Polo Real Madrid B xogaron: Sergio, Colina, Soler, Municio, Lezcano, Pablo, Jandro, Roro, Enaitz, Jiménez, Amores (once titular), Casado, Castelau, Rubén, Gonzalo, Lacosta e Raúl. Polo Arousa A: Adrián Fuentes, Beltrán García, Javi Domínguez, Manuel Campos, Jorge Grajales, Pablo Galiñanes, David Sánchez, Brais García, David Piñeiro, Sergio Trigo, Juan Diego Lorenzo (once titular), Lucas, Martiño Pérez, Jacobo Crusat, Anxo Fernández, Yerai Arosa, Roberto Rodríguez, Breixo Meis e Diego Chamadoira.
O xuvenil A do Arousa mediuse en paralelo ao xuvenil C do Real Madrid, no seu caso, perdendo 1-2. Jacobo adiantou os locais na primeira parte e Joan ampliou a vantaxe merengue na segunda, con Lucas Aguín anotando o tanto da honra de penalti que el mesmo provocara case ao final do encontro. Xogaron polo Real Madrid C: Jorge, Roi, Valdepeñas, Borja, Arcos, Izan, Reyes, Pol, Jacobo, Aimar, Erik (once titular), Leiton, Diego, Álex Sánchez, Miguel, Antonio, Joan, Humanes e Yago. Polo Arousa A: David Conde, Prieto, Teo, Dani, Miguel Fernández, Fernando, Mateo, Pedro Carril, Víctor, Memet, Arón (once titular), Nico, Rubén, Lucas García, Fernando Redondo, Tymo, Hugo Losada, Fabio, Abel, Samy, Lucas Aguín e Rodri.
Acompañados por Paco Buyo, directivos do Arousa encabezados polo seu presidente, Manolo Abalo, puideron coñecer as instalacións de Valdebebas e estreitar lazos co Real Madrid coa vista posta en facer do encontro entre as dúas canteiras unha cita anual.