Do Día da Lingua Materna

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

No sector comercial son poucas as empresas que empregan o galego e na Xustiza os incumprimentos son flagrantes

19 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é competente para establecer o estatuto xurídico do galego, mais é a comunidade autónoma con idioma de seu que  menos avanzou para acabar co desequilibrio entre as dúas linguas oficiais e poñer fin á actual cooficialidade asimétrica. Mais esa diglosia tamén é responsabilidade do Goberno central, ao que, neste tema, ninguén lle esixe nada. E, a todo isto, a Unesco conmemora o vindeiro 21 o Día das Linguas Maternas. É dicir: comunidades autónomas, Estado español e organismos internacionais no papel parecen empeñados en fomentar o galego sen que iso se traduza nin en medios para alcanzar esa finalidade, nin en número de falantes.

O Estado español ratificou no 2001 a «Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias», entendendo por tales as oficiais nos estatutos das comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña, Illas Baleares, Galicia, Valencia e Navarra, así como outras minoritarias. Entre as afirmacións desa Norma Internacional —lei de obrigatorio cumprimento— sinálase que utilizar unha lingua rexional ou minoritaria na vida privada e na pública constitúe un dereito imprescritible. A inobservancia dos compromisos adquiridos polo Estado español —e, en consecuencia, pola comunidade autónoma de Galicia—, nese Tratado é clamorosa e céntrase en diversos sectores que, máis ou menos, todos coñecemos: Educación, Xustiza, Administración Pública estatal e sectores económicos —públicos e privados—. Así: non se garanten a educación preescolar, primaria, secundaria profesional ou técnica en galego; tampouco se fai nada polo galego falado fóra dos límites administrativos de Galicia.

Na Xustiza, os incumprimentos son flagrantes: as resolucións no idioma propio deben andar no 1 %. A Carta Europea obriga: a asegurar que os órganos xurisdicionais, por simple solicitude dunha das partes, leven en galego os procedementos penais, civís e contencioso-administrativos; a redactar en galego, previa solicitude, os documentos dun procedemento xudicial; a admitir os documentos redactados en galego en calquera parte do Estado español, incluso por quen non fale a nosa lingua. Outro dereito vulnerado neste ámbito é o de facer accesibles, en galego, os textos lexislativos máis importantes. A vella lei de Normalización Lingüística de 1983 —anterior á Carta Europea, á que hai que adaptala- recoñece en balde ese dereito ao uso do galego na xustiza e, especificamente, establece que as partes nun litixio teñen dereito a seren notificadas en galego. Os datos reais non reflicten, nin sequera, a promoción deses dereitos.

O Consello e Oficina das Linguas Cooficiais do Ministerio de Ordenación Territorial non avalía o uso na Xustiza porque di que o deben facer o Consello Xeral do Poder Xudicial, que anda a outras cousas, e a Xunta, que mira de esguello. No referido á Administración dixital, normalmente so aparecen en galego os menús iniciais. A ignorancia e o incumprimento das obrigas da Carta Europea por parte dos órganos periféricos do Estado é permanente. Dá vergonza allea algunha resolución de Costas de Pontevedra. A Carta Europea, Tratado Internacional, lei, obriga a que a Administración do Estado vele para que no seu ámbito se empregue o galego, teña ao dispor da xente formularios e textos en galego e que os seus funcionarios poidan redactar nese idioma. Garda Civil, Policía Nacional e Exército, lato sensu, son Administración pública e aí o idioma de Rosalía nin aparece, aínda que a sintaxe sexa galega. Nas actividades económicas e sociais as autoridades —e non digamos os consumidores!— poden esixir o galego, por exemplo, en toda a documentación bancaria. Ve vostede préstamos, hipotecas, comunicacións bancarias non publicitarias en galego?. Con este desleixo do poder político co galego non é de estrañar que, malia a que esteamos no momento con máis coñecedores de gramática galega, diminúan os falantes. Non o permitamos.