Da politización do Tribunal Constitucional

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

Os integrantes deste órgano, non deben ser serafíns nin querubíns, senón, como son, xuristas insignes, do mellor

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira na fronte: Afirmo que o Tribunal Constitucional non pode ser deslexitimado polo normal: que os seus integrantes sexan progresistas ou conservadores. Afirmo tamén que o xeito de elixir aos membros do TC é correcto e desexable. E ítem máis: que os integrantes deste órgano, non deben ser serafíns nin querubíns, senón, como son, xuristas insignes, do mellor. E reafirmo que todo iso é o que ten que ser. Explícome un algo. O Tribunal Constitucional non é, en puridade, un órgano xudicial, e aínda que o fose. Na Constitución, o poder xudicial, entendido estritamente, vén regulado no Título V e está formado por xuíces e maxistrados independentes, inamovibles, responsables e só sometidos ao imperio da lei. Cada xuíz, cada maxistrado, é o poder xudicial. O Tribunal Constitucional —Título IX da Constitución, máximo intérprete da Constitución— componse de doce membros nomeados polo Rei; catro a proposta do Congreso por maioría de tres quintos; catro a proposta do Senado, con idéntica maioría; dous a proposta do Goberno e dous a proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os tres poderes do Estado —lexislativo, executivo e xudicial— participan na elección. Os integrantes do TC son escollidos entre maxistrados e fiscais, profesores de universidade, funcionarios públicos e avogados, todos xuristas de recoñecida competencia con máis de quince anos de experiencia profesional. O seu mandato non coincide coas lexislaturas políticas porque son designados para nove anos e anóvanse por terceiras partes cada tres. Ben deseñado tamén. Non poden ser reelixidos. Ser membro do Tribunal Constitucional é incompatible con todo mandato representativo, con cargos políticos ou administrativos, co desempeño de funcións directivas nun partido político ou nun sindicato, co emprego ao servizo dos mesmos, co exercicio das carreiras xudicial e fiscal e con calquera actividade profesional ou mercantil. Tamén son independentes e inamovibles. O Presidente é nomeado polo Rei a proposta do Tribunal Constitucional en pleno para tres anos. O TC coñece fundamentalmente de recursos e cuestións de inconstitucionalidade contra leis e a súa aplicación, recursos de amparo por violación de dereitos e liberdades fundamentais e conflitos de competencia entre o Estado e as Comunidades Autónomas. O modelo español de designación de membros do TC é semellante aos do resto de Europa: en Austria desígnaos o goberno federal, maioría, o Consello Nacional e o Consello Federal; en Alemaña, por metades o Bundestag e o Bundesrät; en Francia, o presidente da República e o presidente da Asemblea Nacional e en Portugal, con trece membros, dez son de elección parlamentaria. O sistema é lóxico porque parece elemental que a Constitución, que é a norma que ten que inspirar as actuacións normativas e ampararnos a cada un por igual, ha de resultar interpretada, cando cabe interpretar, de acordo coa realidade social que, parece non ter dúbida, está representada nas cámaras lexislativas elixidas por voto popular. Os membros do Tribunal Constitucional, que non poden ser persoas illadas, sen crenzas, sen opinión, están obrigados polo contido da Constitución e empregarán a súa óptica á hora de resolver asuntos que permiten interpretación. Así debe ser. Como ocorre cos compoñentes da carreira xudicial: aplican a lei pero dentro dela poden e deben ter a súa propia visión porque tamén son cidadáns de pleno dereito. Nesta división entre membros do TC, popularizada polos políticos, estigmatizando a maxistrados por seren conservadores ou progresistas, late un perigoso veleno social, radicalmente totalitarista: o de que as ideoloxías políticas son nocivas e contaminan. Crermos nisto, perigo mortal. Esta dialéctica, populista e simplificadora, deberíase pechar por responsabilidade. E, en todo caso, estará ben botar unha ollada ao paraíso do liberalismo, EE.UU., e ao seu sistema xudicial -non teñen TC, senón que é cada xuíz quen interpreta a Constitución-: os xuíces son designados polos Gobernadores, por elección popular, por Asembleas Lexislativas ou polos gobernos. E non parece que a calidade da xustiza sexa peor que a que se produce en España.