Alianzas contra o negacionismo

AROUSA

CAPOTILLO

Reflexión de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, arredor do estado da guerra contra a violencia de xénero

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Internet é un caldo de cultivo para o machismo e o negacionismo da violencia contra as mulleres. Todos os días somos tristes testemuñas de como as redes se converteron nun novo espazo onde estes campan ás súas anchas. Como non vai ser así, cando ata o Congreso se converteu nun escaparate das súas barbaridades? Nas redes somos acosadas, insultadas e linchadas por ter voz, por denunciar as inxustizas que sufrimos desde o berce. Por atrevernos, porque por desgraza segue sendo equiparable a un acto de heroísmo, a posicionarnos de fronte contra o statu quo que perpetúa os mitos e estereotipos contra nós e a desenmascarar a quen nos ataca.

O anonimato en internet, a dificultade para atopar a orixe das desinformacións ou a sensación de poder dicir calquera cousa con total impunidade fan que proliferen os ataques e os bulos, que estenden os seus tentáculos ata dominar por completo a conversa. Agrédennos directamente, pretenden humillarnos ao invisibilizar unha traxedia que non cesa, a das violencias que sufrimos as mulleres polo simple feito de ser mulleres, e chegan ao extremo de facer ver que a culpa é nosa e que os nosos agresores son en realidade as vítimas.

Fronte a eles, precisamos alianzas desde a comunicación que nos axuden a facerlles fronte. Porque o difícil non está en desmontar unha a unha todas as súas mentiras, xa que aplicando un mínimo de lóxica caen polo seu propio peso, senón en facelo dun xeito tan contundente, con argumentos claros, que free a súa expansión, conseguindo silencialos e gañarlles a batalla do seu infame relato coa dignidade de estar defendendo a causa máis xusta do mundo.

O mundo constrúese en boa parte a través dos medios, son o referente que dá forma aos nosos imaxinarios colectivos. Nutrímonos do que contan para comprender o que acontece ao noso arredor: se un tema centra o debate percibimos que é importante. Pero se só se fala de esguello, minimizándoo á mínima expresión, sen ocupar titulares nin portadas, quedamos coa sensación de que máis ben se trata dunha anécdota. Pero a violencia machista non é unha anécdota, é un problema estrutural que padecemos desde fai séculos e que debe deixar de ser amparado. É un problema, non o esquezamos, que mata. E os medios tamén deben protexernos.

Precisamos da súa complicidade. Precisamos formación en clave feminista. Precisamos que as persoas que traballan nos medios, desde o nivel máis alto ata o máis baixo, comprendan que loitar pola igualdade non é sumarse ou secundar unha causa allea nin tampouco unha cuestión de filantropía, senón loitar polos dereitos das persoas. Precisamos que a igualdade estea presente nos códigos deontolóxicos, amparada por protocolos de actuación claros, perfectamente definidos. Precisamos, como dicía, alianzas desde os medios de comunicación para frear o negacionismo.

Precisamos as alianzas para honrar a memoria de Sara, Mónica, Claudia, Mercedes, Lobna, María Isabel, María Ángeles, Ivet, Victoria Cristina, Teodora, África, Natalia, María, Virginia, Ouardia, Clotilde, Florina, Maite, Eva María, María Luisa, Amparo, Diolimar, Gemma, Mari Nieves, Cristina, Trini, Abigail, María del Carmen, Eva María, Anna, Mari Carmen, María Luisa, Débora, Raquel, Esther, Adoración, Imane, Irina e Mariya, as mulleres asasinadas pola violencia machista en España en 2022. E precisámolas para irmos avanzando da man, paso a paso, ata que en ningún lugar do mundo faga falta unha lista así.

A Real Academia Galega define «alianza» como a unión ou asociación para prestar axuda mutua nunha causa común. Os medios de comunicación son altofalantes da realidade na que vivimos, e o seu compromiso contra as violencias machistas permite achegar ao conxunto da sociedade a urxencia de poñer fin a unha lacra social que nos chama a actuar. Crear alianzas cos medios de comunicación é un instrumento imprescindible para forzar o cambio e transitar dunha sociedade machista a unha sociedade igualitaria. Aliémonos!