¿Precisas conciliar durante o curso? Este servicio do Concello de Vilagarcía interésache

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

As familias que precisen facer uso do Conciliatardes poderán solicitar praza ata o 12 de agosto; hai un máximo de 30 prazas dispoñibles

31 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Conciliatardes-Tardes coa Infancia, un programa socioeducativo e de lecer de apoio á infancia e á conciliación familiar e profesional, ten aberto xa o período de inscrición para o vindeiro curso, segundo informou onte o Concello de Vilagarcía. A iniciativa vai destinada a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2019, e desenvolverase durante os meses de outubro de 2022 a xuño de 2023 no Centro de Formación de Matosinhos. Os interesados teñen ata o 12 de agosto para formalizar a súa solicitude. Tanto as normas coma o formulario están a súa disposición na web municipal, www.vilagarcia.gal e na sede electrónica do concello, sede.vilagarcia.gal.

O número de prazas coas que conta o Servizo de Conciliatardes-Tardes coa Infancia é 20, podendo ampliarse en función da normativa vixente ata un máximo de 30. No caso de haber máis solicitudes que prazas, accederase ao servizo tendo en conta a orde de puntuación acadada na baremación. En todo caso, resérvanse oito prazas para aquelas unidades familiares que, tras a valoración dos técnicos dos Servizos Sociais, se considere aconsellable a súa asistencia ao programa. Igualmente, terán acceso directo ao servizo as unidades familiares nas que a nai se atope en situación de violencia machista.

O horario previsto é de tres e media a oito e media, establecendo un tempo de lecer e de merenda, podéndose solicitar xornada parcial ou completa nas situacións que queden debidamente xustificadas por ocupación laboral ou formativa nese mesmo horario. A entrada no servizo poderá ser entre as entre as tres e media e as catro, ou ben ás seis, en función do solicitado. O horario de saída establecerase nos seguintes tramos horarios: ou ben ás seis ou ben ás a partir das sete e media, e como máximo ata unha hora despois.

O 5 de setembro darase a coñecer unha lista provisional de beneficiados. O día 26, a definitiva. O custo mensual máximo será de cen euros pola xornada completa e 50 no caso da media xornada. Para a determinación do importe mensual do prezo, tomarase da declaración do IRPF correspondente ao ano 2021 o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar.