O instituto de Valga será centro plurilingüe desde o vindeiro curso

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Súmase aos dous colexios do concello, unificando a ensinanza obrigatoria

22 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto de Ensinanza Secundaria de Valga cambiará de nome o vindeiro curso para pasar a denominarse IES Plurilingüe de Valga. O cambio resposta á súa inclusión esta semana na listaxe de 26 novos centros que pasan a integrar a rede de colexios e de institutos plurilingües baixo o paraugas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Foi este un paso necesariamente voluntario, adoptado, recorda o director do centro valgués, Eliseo Mera, por unanimidade dos integrantes tanto do seu claustro de profesores coma do consello escolar.

A entrada na rede de centros plurilingües será progresiva. Comezando no curso 2022/23 coa impartición das clases de educación física en inglés aos alumnos de Primeiro da ESO, materia que se lles continuará dando así ao longo dos seus catro anos no ciclo académico. A intención do IES de Valga «é que se incorporen máis materias a partir do curso 2023/24, sobre todo pensamos en música, en tecnoloxía e en cultura científica», sinala o director, que recorda que a lei de educación fixa un tope para o uso da lingua estranxeira nun 33 % das horas lectivas.

Eliseo Mera salienta as tres razóns principais que levaron o IES de Valga a solicitar a súa inclusión na rede plurilingüe da Consellería de Educación: «Primeiro, que todo o noso alumnado teña acceso á aprendizaxe de inglés nunha materia non lingüística. Segundo, contar cunha auxiliar de conversa», que cubrirá prioritariamente as horas de educación física de Primeiro da ESO pero de cuxo coñecemento do inglés quizais se poida tirar proveito máis aló no instituto. E terceiro, «darlle continuidade á liña seguida nos dous colexios de Primaria do concello, o de Baño e o Ferro Couselo, nos que xa se imparte ensinanza plurilingüe en inglés», apunta Mera.

O IES de Valga xa viña traballando o uso do inglés máis aló da materia lingüística específica, cun par de seccións bilingües, con alumnado voluntario, en clases de música e de bioloxía. Dúas seccións que, conta o director, non se van manter tras a conversión do centro en plurilingüe.