De que parece que estamos no cine

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

VITOR MEJUTO

05 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Occidente nunca vivimos tan ben e miramos o mundo como se fose unha película, desde as nosas cómodas butacas. Pero a nosa voracidade para alcanzar tal nivel de vida destrúe o planeta e é insolidaria. Imos con datos asépticos, coñecidos, pero que non hai que deixar de repetir. Catro temas. O primeiro: a catástrofe ecolóxica producida polo crecemento dos países ricos é mortífera para os territorios pobres: envelenamos o mar, contaminamos aire e auga, deforestamos e desertizamos millóns de hectáreas de terra, disolvemos os casquetes en Grenlandia, extinguimos especies animais e vexetais na Antártida, queimamos California, Canadá, Siberia, Australia, Brasil. Isto acabaría se nos désemos conta de que auga potable, aire, clima, glaciares e patrimonio forestal son bens universais e que os Estados non deberían ter potestade algunha sobre eles.

Segundo tema: as guerras, que alimentan á industria armamentística a conta de anticuadas concepcións de nación e de Estado: Iraq, 1991; ex-Iugoslavia, 1999; Afganistán 2001; de novo Iraq, 2003; Libia 2011; Siria, de aí en diante; Ucraína, 2022. E a ameaza das cabezas nucleares: Rusia, 6.375; Estados Unidos, 5.800; China 320; Francia, 290; Reino Unido, 215; Paquistán 160; India, 150; Israel 90; Corea do Norte, 40. Para que carafio —perdoe o eufemismo— son? Se nos están apuntando! Vaia proba de que a raza humana é profundamente parva! Outra pandemia imbécil son as armas convencionais, que provocan permanentemente unha masacre absurda con millóns de mortos en guerras, suicidios e homicidios. Nunha estatística de 2017, comparando países onde se permiten as armas e onde non, os datos de homicidios foron esclarecedores: Brasil, 63.000; México, 29.168; Estados Unidos, 17.284. En Italia, 357. Resulta obvio que hai que prohibilas xa.

Terceiro tema, datos da FAO: un terzo da poboación mundial non pode alimentarse adecuadamente; 24.000 persoas —7.000 nenos— morren ao día pola falta de auga e de alimentación básica; outras tantas cada xornada por ausencia de atención médica e de medicamentos que non están ao dispor dos países pobres, algúns porque en Occidente non fan falta por serviren para curar enfermidades xa desaparecidas aquí, como varias doenzas respiratorias, malaria, ou tuberculose. Esta penuria é fermento para migracións, odio a Occidente, descrédito da democracia, racismo, fundamentalismos e terrorismos. Un pensador dixo hai poucos anos que «a pobreza mundial é moi grande, pero tamén moi pequena porque se podería eliminar co 1,13% do PIB mundial», que vén sendo moitísimo menos do que gasta EE. UU en armas cada ano.