De «Por unha Constitución da Terra»

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

MARTINA MISER

Os elementos naturais son universais e, tamén, das vindeiras xeracións

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A cabo de adquirir o último libro de Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940): Por unha Constitución da terra. A Humanidade na Encrucillada, ed. Trotta 2022. A tradución é do maxistrado emérito do Tribunal Supremo Perfecto Andrés Ibañez. É obra breve, 181 páxinas, extraordinariamente clara e de lectura obrigatoria: logo de lela, todo parece evidente e deixa a un pensando que non hai outra solución, que hai que facerlle caso, xa, dunha vez, ao profesor Ferrajoli, de quen, por certo, xa temos falado aquí en varias ocasións. O enfoque aparece desde a mesma solapa do libro. Explica  algo tan incuestionable como que existen problemas globais que non son fenómenos naturais, nin simples inxustizas —quecemento global; ameazas á paz mundial; crecemento das desigualdades; morte de millóns de persoas por falta de auga potable, alimentación básica ou medicamentos esenciais ou as masas de migrantes que foxen da miseria e degradación dos seus países— que non se poden resolver desde a óptica miope dos Estados e, por iso, resulta necesaria «unha Constitución da Terra que introduza un demanio planetario para a tutela dos bens vitais da Natureza, prohiba todas as armas empezando polas nucleares e introduza un fisco e institucións idóneas globais de garantía na defensa dos dereitos de liberdade e en actuación dos dereitos sociais poida realizar o universalismo dos dereitos humanos».

O libro está dividido en tres partes e simplemente co enunciado do título de cada un podemos adiviñar por onde vai o seu desenvolvemento. O primeiro, Catástrofes globais, nas que non deixa de tratar a pandemia de covid 19, fai unha descrición de diversos problemas que afectan simultaneamente ao mundo enteiro e termina por cualificalos como crimes do sistema, incluíndo entre eles as deforestacións e as edificacións masivas na costa ou a contaminación do auga e do aire, os migrantes que morren nas fronteiras: traxedias das que fai responsable aos mecanismos do réxime económico e político vixentes. A segunda parte tamén se intúe desde o seu enunciado inicial: Os límites do constitucionalismo actual. Trata sobre a impotencia dos ordenamentos estatais e da grandeza, pero tamén do fracaso, da ONU. A parte terceira, Por un constitucionalismo máis alá do Estado, propón unha idea-forza, que resumo nas súas propias palabras: «So unha Constitución da Terra pode superar os factores de división, conflito e discriminación do xénero humano que son as diversas soberanías e as diversas cidadanías, e con iso realizar os presupostos da paz, da igualdade e da universalidade dos dereitos fundamentais».

A partir de aí, nas últimas páxinas redacta un proxecto de Constitución global da Federación da Terra no que describe os dereitos, as institucións de goberno, económicas e financeiras, en fin, todo o que é propio dunha Carta Magna. A xeito de preámbulo, empeza así: «A Terra é un planeta vivo. Pertence como casa común, a todos os seres vivintes: aos humanos, aos animais e as plantas. Pertence tamén ás xeracións futuras, ás que a nosa ten o deber de garantir, coa continuación da Historia, que elas veñan ao mundo e poidan sobrevivir nel». Se puidese, eu obrigaría a que todas as persoas que aspirasen a exercer un cargo político en calquera parte do mundo tivesen que examinarse deste libro, e de non obteren un sobresaínte, para a súa casiña a traballar. Ou poríao como libro de texto en todas as escolas.