Alumnos do CEIP Valle-Inclán aprenderon a extraer bivalvos
03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Comezar a semana no colexio desprazándose ata a praia é, dende logo, un bo xeito de incentivar os nenos a aprender. Algo así deberon pensar no CEIP Valle- Inclán, xa que o alumnado de 3.º e 4.º de primaria acudiu onte ata a illa de A Toxa, xunto con catro dos seus profesores para ser testemuñas do traballo que realizan as mariscadoras en O Grove.
Foron preto duns cincuenta rapaces os que gozaron dunha actividade de divulgación organizada conxuntamente coa Confraría de Pescadores de San Martiño. O oficio do marisqueo espertou a curiosidade dos pequenos, que moi dispostos foron cos seus cubos e raños de xoguete para participar das tarefas extracción do marisco. Unha vez sobre o terreo, dúas monitoras explicáronlles como se realizaba o proceso de recollida da ameixa e o berberecho, e tamén, por suposto, a talla que debían ter os moluscos recolleitos, cuestión á que atenderon con moitísima curiosidade. Este motivo propiciou que algúns exemplares tivesen que ser devoltos de novo á auga, segundo explicaba divertida unha das alumnas. Rematada a charla puxéronse mans á obra, xa que había que practicar o aprendido, e pódese dicir que algo apañaron, aínda que as capturas foron entregadas ás mariscadoras para que máis tarde as puidesen vender na lonxa. Unha experiencia que con seguridade quedará gravada nas súas retinas, e quen sabe se nuns anos algún deles decide apostar polo oficio.