O galeguismo a Loly vénlle de familia. Vén sendo curmán de dous galeguistas moi destacados, os irmáns Xurxo e Xoaquín Lorenzo Fernández, Xocas. O primeiro finou moi novo, no ano 1934, á idade de 24 anos. Xoaquín vai destacar como etnógrafo, estudoso dos costumes, tradicións e xeito de vida d@s galeg@s. Formará parte do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega; xunto ao seu irmán Xurxo e outros destacados galeguistas de Ourense, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Martínez Risco, Florentino López Cuevillas, etcétera, participan da fundación do Partido Galeguista. Asemade, Xocas será o alma mater da creación do Museo do Pobo Galego e o seu primeiro presidente. Foi precisamente Loly quen me presentou o seu curmán Xocas, comezando así unha amizade entre nós que, a pesar da idade que nos separaba (53 anos), só rematará co seu pasamento no ano 1989. No percorrer destes anos (1982-1989), Xoaquín Lourenzo colaborará intensamente a través dos seus artigos na revista que as agrupacións do PG no Grove e Vilagarcía confeccionabamos a man e imprimiamos nunha multicopista en Vilagarcía.
A relación persoal que mantiven con Loly vai máis alá da meramente política. Tanto eu como a miña dona Encarna e os nosos fillos mantivemos unha forte e fraternal amizade que foi afondando e incrementando co paso dos anos, ou como dicía o meu amigo e gran poeta Manuel Loureiro Rey, «esa amizade profunda e entrañable que se forxa co paso do tempo e se vai transmitindo de pais a fillos». Nun principio comeza pola militancia de nolos dous no Partido Galeguista e continúa pola fonda relación co seu home Adolfo Llovo Santos, catedrático e instituto e primeiro director do instituto de ensino medio profesional de Vilagarcía (1952-1960), merecedor da medalla de Afonso X O Sabio en recoñecemento ao seu bo facer e aos seus méritos académicos a prol do ensino. Foille imposta polo que era naquel entón presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy. De igual xeito, tanto eu como a miña familia seguimos profesando hoxe esa amizade coas súas dúas fillas Mari Loli e Bárbara.