Os Bello: Pai e fillos xuntos na mesma canastra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Coordinador e técnico do primeiro equipo do C.B. O Meco, Manuel Bello teno todo no baloncesto: Vivir da súa paixón e facelo día a día xunto aos seus dous rapaces, que adestra e adestran no seu club

22 nov 2021 . Actualizado a las 21:37 h.

A vida son eleccións. E as eleccións ás veces acaban levando a unha vida de soño que, quizais por ese seu punto aparentemente inverosímil, nin fora imaxinada na súa longa antesala. Que un home de baloncesto forxado nas pachangas de amigos da mocidade puidese acabar vivindo da súa paixón sen lucir escudos alleos aos da súa pequena vila está ao alcance de poucos. Que o faga ademais compartindo os mellores anos dos seus dous fillos nunha pista, modelándoos desde o banco, para dirixilos hoxe no primeiro equipo do seu club ao tempo que os trata de compañeiros no seu corpo técnico; iso semella patrimonio exclusivo de Manuel Bello Abalo (1969), coa colaboración necesaria de Manuel (1997) e Mateo Bello Castro (2000). 

Como toda historia, a dos Bello ten un principio. No barrio grovense do Sineiro, a comezos dos 80. Fillo da xeración daquela inesquecible e lendaria prata española nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 84, o patriarca da saga recórdase xunto a amigos e veciños «todo o día na rúa xogando», buscándose a vida para suplir o que xa non tardaría en vir pero non había daquela inda: «Construíamos as nosas canastras. Creo que a primeira foi unha maceta que lle collemos a unha das nosas nais, de plástico, que furamos. Máis adiante fomos ao ferreiro e non paramos ata que nos fixo unha canastra».

Con 15 anos e 1,90 metros, Manuel pai entrou no C.B. O Grove. Alí xogou ata que tocou facer a mili, en 1990. E cando parecía que o tren do baloncesto xa pasara de longo na súa estación vital, viuse enrolado na pequena tripulación coa que, no Nadal a cabalo entre 1999 e o 2000, o seu paisano Anxo Cornes botou o modesto buque do C.B. O Meco. Cun pequeno de 3 anos e o outro xa en camiño, Bello Abalo asumiu daquela sen sabelo o papel de único fío condutor de 21 anos de historia dun club de base e de pobo, que con practicamente todos os seus xogadores do Grove, conta este curso con once equipos, masculinos e femininos, baixo a súa coordinación.

A decisión que o marcou todo

Desde decembro de 1999, Bello Abalo veu asumindo a xestión de tres ou catro equipos ao ano, pasando por todas as categorías. Levando sempre desde a súa constitución no 2003 o sénior, masculino, agás unha temporada. Sendo así, Manuel explica a súa dedicación paralela ás categorías inferiores contando a primeira lazada da relación que hoxe o une aos seus fillos co C.B. O Meco de cordón: «Os dous xogaron desde pequenos, 3-4 anos, no club, e pensei, ou adestro os meus fillos, ou teño que deixar de adestrar o resto, porque se non non poderei velos xogar e gozar deles coma calquera pai». Dirixiunos durante case a totalidade das súas carreiras. A Mateo, agás o curso no que apostou por tentar facerse un oco, con 16 anos, no xuvenil do Obradoiro mudándose a Santiago.

A temporada pasada, tras catro anos afastado das canchas, o fillo maior decidiu volver ao baloncesto federado e estrearse no primeiro equipo do Meco, coincidindo por primeira vez co seu pai e co seu irmán ao tempo no mesmo vestiario, máis aló dalgún partido puntual de rapaces.

Esa canastra inesquecible

«É unha marabilla», di o pai, «poder compartir e falar da nosa paixón a diario; analizar como ven isto, como ven de facer estoutro, e ter a outra parte, a do xogador, sincera». Os fillos concordan. «Pode parecer un pouquiño raro. Dous irmáns e o pai no mesmo equipo. Pero para min, desde pequeno, que me adestre meu pai é o máis normal», di o maior e asente o pequeno. A clave desta longa e peculiar relación, coinciden os tres, é que «nunca levamos o de fóra ao equipo» nin sufriron por comentarios de grada, desmentidos polos feitos na cancha.

Atoparse os tres foi e é «moi especial», afirman. O momento «máis emotivo» na carreira do pai. Un encontro co seu propio toque cinematográfico. En febreiro deste ano, na casa fronte ao CLB de Vilagarcía. «A miña primeira canastra co primeiro equipo», relata Manu Bello Castro, foi un triplo a pase do meu irmán. Eu acababa de entrar en pista. Foi unha coincidencia, pero bonito».

Quen mellor resume a experiencia que están a vivir é o benxamín, Mateo: «Poder falar tantas horas de baloncesto co meu pai e agora poder xogar co meu irmán e ver o que é capaz de facer, compartilo na pista, fíxome moita ilusión. Compartir todo isto é o mellor que che pode pasar na vida».

Dezasete anos levaba Manuel Bello vivindo dun bar a carón do pavillón no que adestra e xoga o C.B. O Meco. Ata que a pandemia o levou á conclusión de que mellor era pechar para «non tirar cartos vendo que a hostalaría ía tardar moito en retornar». A súa decisión coincidiu coa chegada de Alejandra Rodríguez á presidencia do club e a súa aposta por completar a súa profesionalización, facéndolle contrato a todos os seus técnicos. No caso de Bello Abalo, ampliando o que xa tiña de media a xornada completa. O seu primoxénito é hoxe o segundo adestrador máis veterano da entidade —leva sete anos dirixindo equipos da base— e o pequeno animouse este curso a axudalo cos infantís e cos cadetes. «Vivo do baloncesto, traballo no que máis gozo. Desfruto coma un anano cos meus fillos ao carón! Mellor non pode ser», declara Manuel Bello Abalo no medio dun soño que por non imaxinado, multiplica o seu valor.