De decisións administrativas e políticas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

O caso de Adro Vello pódese converter nun paradigma. Actualmente atópase na fase administrativa e a política nunca empezou

01 nov 2021 . Actualizado a las 21:14 h.

A pesar de que a diferenza entre decisións administrativas e políticas parece nidia, non está de máis insistir no obvio porque, ás veces, como se trata do exercicio do poder, tenden a confundirse. Falando dun xeito amplo, as diversas ramas do poder executivo, -estatal, autonómico, local-, aparte de ostentaren a potestade administrativa, que é regulada, dispoñen da iniciativa política para sacar adiante proxectos de seu. Por exemplo, acometer unha obra é normalmente decisión política. O caso de Adro Vello pódese converter nun paradigma. Actualmente atópase na fase administrativa e a política nunca empezou. Para explicarme teño que facer referencia a que os Bens de Interese Cultural poden ser declarados como tales por lei ou mediante Decreto do Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Cultura. En San Vicente a zona que vai desde a praia de Area Grande ata as puntas dos Castriños -castros, fábricas de salga, pecios, xacementos, achados arqueolóxicos e grupos etnográficos- como conxunto podería ser declarada sitio histórico, zona arqueolóxica, lugar de valor etnolóxico, territorio ou conxunto histórico -inclínome por este-. Para chegar a esta clasificación estableceuse na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia un procedemento administrativo, moi técnico, complexo, que se pode abrir de oficio pola Dirección Xeral de Patrimonio, por petición doutra Administración ou dun particular. Neste caso da zona nucleada arredor de Adro Vello nin a Xunta, nin a Deputación nin o Concello do Grove tomaron a iniciativa. Foi un particular, o Club Náutico de San Vicente, quen pediu á Dirección Xeral de Patrimonio a declaración da zona como BIC, mediante escrito motivado presentado o 3 de agosto de 2017. O actual Conselleiro de Cultura acudiu ao lugar na compañía doutras autoridades dous anos e medio despois desa petición e volveu recibir alí a proposta escrita dos veciños e do citado Club para o futuro da zona. Unha nota de prensa oficial, posterior a esa visita, anunciou que a Dirección Xeral de Patrimonio remitía o acordo de incoación do expediente de declaración como BIC a organismos consultivos con informes técnicos elaborados desde as diversas disciplinas científicas concorrentes polos bens que hai no lugar, documentación gráfica e descrición detallada. Unha vez que ese acordo sexa informado favorablemente polo menos por dúas desas institucións especializadas, será publicado no DOGA e no BOE, notificado aos interesados e ao Concello. Nese momento esa beira do mar quedará anotada con carácter preventivo nos Rexistros de Bens de Interese Cultural de Galicia e do Estado. E, ademais, aplicaráselle o mesmo réxime que aos BIC xa declarados, establecendo tamén unha contorna de protección. Rematado este procedemento, será o Consello da Xunta de Galicia quen aprobará un Decreto coa declaración de BIC. Un amigo acaba de asegurarme que máis ou menos nun mes, producirase a primeira publicación nos boletíns oficiais. Quedará, así, encamiñado o traballo administrativo, neste caso como resultado da tramitación da petición dun particular. A Xunta de Galicia terá cumprida a súa obriga administrativa. Pero despois terán que vir, -pronto, xa, vai sendo hora- as decisións políticas: que se fai alí?, quen continúa a investigación?, quen escava e expropia os Castriños?, quen inviste en Adro Vello?, musealízase?, quen elimina a estrada e as actuacións invasoras?, vulgarizamos a zona ou convertémola nun referente para Galicia?, quen lidera este proceso?. Cultura, altura de miras, colaboración e cartos serán igualmente necesarios. Quen os porá?.