Da xustiza diante do espello

AROUSA

MARTINA MISER

Ninguén se ocupa de que a cidadanía reciba unha información fiable da realidade do funcionamento xudicial

12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que andamos metidos no mundo da Xustiza ás veces non somos obxectivos á hora de xulgar o seu funcionamento, pola tendencia que ten cadaquén de analizar máis os defectos que as virtudes do sector no que traballa. Pero un día destes conversando cunha persoa con dedicación política, a quen teño en estima pola súa capacidade e facilidade de comprensión, sorprendeume negativamente cando me dixo que el non confiaba no sistema xudicial español porque estaba a ser continuamente posto en cuestión por tribunais internacionais e que iso era un desprestixio. Esta opinión seguramente é compartida e pódese espallar porque ninguén se ocupa de que a cidadanía reciba unha información fiable da realidade do funcionamento xudicial.

É unha visión perigosa por irreal. É evidente que este meu interlocutor estaba contemplando a cuestión desde un punto de vista subxectivo e atendendo a titulares de prensa relativos a casos máis ou menos mediáticos, pero esquecíase dunha cuestión obvia: a normalidade non é noticia. A modo de exemplo, en España existen uns dous mil cincocentos xulgados de primeira instancia e instrución que cada día ditan unhas dúas mil sentenzas. Resulta de todo punto obvio que unha absoluta minoría desas resolucións chega a ser noticia de prensa e, indubidablemente, moi poucas, como a de todos os demais Estados, son revisadas por tribunais supranacionais. Non se observa, estatisticamente, ningunha diferenza entre estimación e desestimación de recursos formulados contra resolucións do sistema xudicial español fronte ás doutras procedencias. Porque resulta lóxico que por estarmos integrados na xurisdición de tribunais internacionais uns recursos se estimen e outros non, sendo a propia adscrición a estes órganos unha mostra de apertura e de normalidade.

En contra da visión deste interlocutor meu recentemente publicáronse enquisas ao redor da percepción da cidadanía sobre a Xustiza, que amosan que os españois non teñen unha visión negativa, como a del, involucrado na política. Unha enquisa foi o Barómetro do CIS e outra de Metroscopia. A do organismo estatal de abril de 2021 sitúa a Administración da Xustiza como unha das cuestións que menos lles preocupan aos españois cun 0,7%, contrastando cun 48% que se preocupa da economía, un 45% da pandemia, un 37% do paro ou un 14% dos políticos. E respondendo máis directamente nesta enquisa a que é o que lle afecta de xeito persoal, as respostas son que a crise sanitaria a un 33%, a crise económica a un 31%, o paro a un 20% e a xudicatura só a un 0,4%. A outra sondaxe, realizada por Metroscopia para o Consejo General del Poder Judicial, sinala que o mellor valorado dos tres poderes do Estado é o xudicial, tres de cada catro consultados din que os xuíces son competentes e están ben preparados para o exercicio das súas funcións -curiosamente os máis mozos opinan isto nun 82%-. É tamén certo que un 72% acerta cando di que a Xustiza é lenta e o 79% que non ten os recursos necesarios para ser rápida e eficaz. Pero estas dúas cuestións non dependen dos xuíces, senón dos gobernos que teñen que achegar persoal e medios.

A visión que ten a cidadanía en xeral achégase máis á realidade e por algo diante dos problemas a xente segue acudindo á Xustiza porque confía nela. Pero fai falta que se saiba, que se diga, para tranquilidade de todos.