Albariño no Camiño busca continuidade ao amparo do Xacobeo

Bea Costa
bea costa CAMBADOS/ LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

No Concello de Cambados cualifican de éxito a primeira edición

07 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival Albariño no Camiño pechou a súa primeira edición o pasado domingo en Cambados e no Concello están xa pensando na segunda entrega. O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, confía en que o apoio económico que houbo da Xunta no 2021 se reedite no 2022, tamén ano Xacobeo, e, deste xeito, poder programar unha fin de semana cheo de actividades como o que vén de finalizar. A data está por determinar, pero as preferencias de Cordal pasan pola primavera. De feito, a previsión para esta primeira edición era celebralo en xuño, pero a evolución da pandemia no Concello impediuno e houbo que aprazar os actos para setembro. Xullo e agosto son meses moi festivos na vila en no Concello queren que o Albariño no Camiño sirva para completar o programa cultural e lúdico do resto do calendario. Pero tamén para posicionarse como destino dentro do fenómeno xacobeo. Cambados reclama un lugar na oferta dos camiños de Santiago e as xornadas celebradas esta fin de semana serviron para dar visibilidade a esta proposta.

Os historiadores Sindo Mosteiro e Maribel Iglesias descubriron ao gran público que a vila tivo catro hospitais para peregrinos e que o pazo de Fefiñáns mantivo unha estreita relación co camiño ao longo da súa historia. O festival tamén serviu para encher de música a praza de Fefiñáns, dándolle voz a artistas locais, e para viaxar no tempo coas andainas teatralizadas ofrecidas por Teatro no Garaxe. Ademais, programáronse obradoiros e concertos para os máis cativos da casa e falouse moito dos viños rías baixas e desgustáronse tamén, grazas ás catas ofrecidas en Torrado -na imaxe-.

O responsable de Cultura cualifica de éxito esta primeira edición. «A gran afluencia de público que tiveron as actividades anímanos a seguir realizando este tipo de eventos. Estamos moi satisfeitos, tanto coa programación como pola afluencia de público», apunta Cordal.

O tempo foi un bo aliando, malia as previsións de chuvia que se manexaban a principios da semana pasada. O Concello incluso instalou una gran carpa na praza de Fefiñáns para garantir a celebración dos concertos, que finalmente non resultou necesaria.