Milladoiro presenta hoxe en Vilanova o seu último traballo, Atlántico
07 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O programa Sonatas de Verán segue trufando de música e cultura as noites estivais de Vilanova. Esta noite o protagonismo recaerá nun dos grupos más históricos de Galicia, Milladoiro, que chegará ás dez da noite ao Xardín Umbrío para presentar o seu último traballo, Atlántico. Nos seus máis de corenta anos en activo, o grupo gravou 26 discos, ofreceron centos de concertos, puxeron a música a oito películas e colaboraron con artistas de renome a nivel internacional, ademais de converterse nun símbolo de identidade para Galicia.
-Máis de corenta anos subidos aos escenarios defendendo a música galega. Como definirían estas catro décadas?
-Nós empezamos hai máis de corenta anos e nos comezos a música tradicional non estaba en moi bo estado e non era visible, a xente non lle prestaba atención. Ao longo deses anos a realidade cambiou moito, agora hai moita xente nova que vive da música tradicional, cousa que naqueles momentos non pasaba. Iso sempre é unha boa nova porque quere dicir que a cadea segue e non rompe, para nos é unha satisfacción ver coa distancia dos anos como hoxe en día hai milleiros de persoas interesadas pola música tradicional.
-Como é a relación de Milladoiro coa música galega?
-A nosa intención é dignificar a música tradicional e poñela no lugar no que lle correspondía. Nós víamos que en Europa había grupos que estaban traballando na súa música tradicional como unha cousa normal, cousa que aquí non pasaba. Entón nos o que queríamos era normalizar esa música. Eu penso que Milladoiro conseguiu un estilo propio, unha maneira de traballar na música tradicional moi persoal e que é facilmente identificable. Iso para un artista é importante, porque é encontrar o teu nicho. Milladoiro soubo encontralo e propagalo polo mundo adiante.
-Estados Unidos, Canada, Xapón...
-A nosa música é instrumental e conta cunha linguaxe universal, polo que nunca tivemos problema. Iso é unha satisfacción, comunicamos coa xente, que eu penso que é moi importante e a xente nota cando estás ofrecendo algo no que cres e no que sentes. Moitas veces non se produce esa conexión porque o que estás facendo é algo impostado, non é real. O que facemos é algo co que desfrutamos.
- Que é o que vos transmite o Atlántico como para materializalo nun disco?
- Era unha débeda que tiñamos contraída co noso mar. O Atlántico para Galicia e para os galegos é parte da vida. Permitiunos vivir del. Pensábamos que así como os da costa do levante sempre presumiron moito do Mediterráneo, nós tamén queríamos reivindicar a parte atlántica, para nos sempre foi moito máis significativa.
-Con ganas de escenario?
-Ganas de subir ao escenario, sempre, e se non fose así despois de corenta anos deixarámolo. Non nos podemos queixar.