Do infamante trato á Fonte de Fefiñáns

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

02 ago 2021 . Actualizado a las 14:11 h.

Sería inxusto dicir que o Concello de Cambados non se preocupa do patrimonio cultural porque, aínda que houbo notorias desfeitas, é o municipio do Salnés máis sensible con esa riqueza. Por iso sorprende extraordinariamente o absoluto desleixo que se observa no lavadoiro público que dá nome á rúa Fonte de Fefiñáns. Posiblemente é o máis monumental do Salnés: un elemento etnolóxico de notables dimensións, co manancial cun fermoso portal de pedra e a carón da contorna de protección do BIC Pazo de Fefiñáns. Crece, ademais, na súa parcela un notable metrosidero. Actualmente presenta un estado de conservación lamentable: auga correndo por fóra, tellado estragado, graffitis, sucidade e rodeándoo, perturbando a visión do conxunto etnolóxico, un transformador de material plástico con pintadas, unha ridícula gateira e uns oito colectores de lixo, que pola habitual falta de limpeza desprenden un cheiro nauseabundo porque son neles onde a hostalería da zona deposita residuos orgánicos da súa actividade. Na mesma praza hai outros dous grupos de colectores, dous deles soterrado: non se coñece outro sitio, en ningures, con tanta acumulación de colectores.

O que faltaba é que estes días o Concello de Cambados, instalou entre a rúa e o conxunto etnolóxico uns composteiros eliminando a cuberta vexetal preexistente. É vergonzoso porque supón unha falta de respecto, incrible, impropia, a esta construción tan significativa e, ademais, vulnerando a legalidade. A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia considera aos lavadoiros como bens integrantes do patrimonio etnolóxico; establece un entorno de protección de vinte metros que aquí se viola de xeito groseiro, ao acumular instalacións desaxeitadas, maiormente destinadas á recollida de refugallos e que, obviamente, non contribúen, precisamente, a resaltar ese ben cultural . Pero é que, ademais, esta aldraxe faise a un elemento etnolóxico cunha compoñente fundamental de reivindicación do rol histórico da muller, nun municipio que hoxe encabeza unha alcaldesa, porque os lavadoiros tiveron un papel extraordinario como lugar de encontro e espazo de socialización feminino ata a chegada da auga corrente e as lavadoras, no último cuarto do século XX. Foron as mulleres as que deron vida a estes lugares onde os homes eran alleos, non sendo en vergonzantes ocasións na mentalidade deses tempos. Os lavadoiros, e por suposto as fontes, cumpriron tamén a función de ser onde as mulleres se organizaban, contábanse confidencias, compartían sentimentos, penas, alegrías e transmitíanse coñecementos. Por outra banda, o fomento público dos lavadoiros representou, aparte da mellora das condicións do traballo de lavar, tamén un couto para o control da muller, ao ser un lugar aberto, visible, porque ata fai ben pouco a muller tiña que estar localizada entre a casa e a igrexa, nas labores do campo ou no lavadoiro. Todo iso sen deixar de lembrar o oficio das lavandeiras.

Aspectos de reivindicación feminista

Esa fonte seguramente abasteceu de auga á poboación do núcleo de Fefiñáns, co correspondente carreto de baldes e vivencias, que aínda queda quen poida contalas. Estas construcións transcenden, pois, calquera idea de conservación por razón da súa peculiar arquitectura -notabilísima neste caso- ao presentaren aspectos históricos, sociolóxicos, antropolóxicos e de reivindicación feminista. Por todo iso non é doado entender o abandono e desprezo do lavadoiro e manancial da Fonte de Fefiñáns. Saquen, por favor, toda esa quincalla que o rodea e déanlle o realce e respecto que merece.