Hoxe arrincan os concertos do Albariño en Cambados
28 jul 2021 . Actualizado a las 10:36 h.A praza de Fefiñáns abre hoxe (20.30 horas) as súas portas para acoller o primeiro concerto do programa das Festas do Albariño 2021 Xabier Díaz, artista galego que leva máis de trinta anos defendendo a música tradicional e que chega a Cambados acompañado das Adufeiras do Salitre. As entradas poden retirarse de xeito gratuito ata media hora antes no pazo de Torrado.
-As catedrais silenciadas é o título do teu último lanzamento, que busca transmitir con el?
-É unha especie de chamada de atención da sociedade, que ao final e que fai presión para que se teñan en conta moitos asuntos. As catedrais silenciadas fala da parte de Galicia que quedou abandonada e que se está perdendo, pero tamén reflexa unha serie de cuestións inmateriais como é o idioma e a nosa tradición, esas tamén son as catedrais silenciadas.
-Este cuarto álbum foi lanzado o 13 de marzo de 2020, dous días antes do estado de alarma. Está a ser difícil defendelo?
-Un pouco si, o que pasa e que nos tiñamos esa previsión e fora como fora íamos a lanzar o disco, non contemplaba dilatar un ano a súa saída. Ao final acabamos facendo a promoción de presentación, vendeuse bastante ben e entrou incluso en algunha lista dos discos máis vendidos a nivel estatal. Así que, en realidade, non foi inoportuna a saída do disco, senón que foi inoportuna a chegada deste bicho.
-O confinamento foi unha etapa produtiva a nivel creativo?
-No meu caso non foi unha etapa especialmente produtiva a nivel creativo, pero si en outros aspectos. Saquei adiante un proxecto de aulas virtuais de pandeireta na miña canle de Youtube. Era un proxecto que aboiaba na miña cabeza e agardaba o momento oportuno para poder afrontalo. Despois tamén tiven moito tempo para continuar formándome e afondar no estudo da pandeireta e da gaita, entre outros.
-Como se sente coa volta aos escenarios?
-Moi feliz, ese é o resumo, porque ademais o feedback que estamos recibindo por parte da xente é alucinante. Estamos tocando practicamente sempre cos aforos completos en todas partes, recibindo moitísimo cariño da xente, levándose moitos discos despois dos concertos. Sentímonos moi afortunados e moi felices.
-Actualmente, hai moitos grupos galegos emerxentes que poñen en relevo a lingua materna, que futuro augura para a música tradicional en galego?
-A música tradicional en galego está sustentada por unha base social importantísima, iso é algo que de algunha maneira nos dá unha fortaleza inmensa. Estamos falando dunha base social moi forte e ese sustento fai que haxa futuro. Hai moita xente comprometida nas asociacións culturais, e aparte diso notamos que a sociedade en xeral está cada vez máis interesada pola música popular. Notámolo nos concertos e no número de discos vendidos. Eu son moi optimista, dende logo. E no que respecta a outros xéneros e á aparición de novas figuras e artistas, sempre é de celebrar. Isto contribúe á normalización da música en galego, do noso idioma e do noso país en extensión
-Entusiasmado por tocar esta noite na praza de Fefiñáns?
-Moitísimo, ademais haberá unha sorpresa moi grande e moi bonita que está dalgún xeito relacionada con Cambados e coa música. Eu toquei en moitos lugares e teatros do mundo, pero sempre que me preguntan por algún lugar no que nunca tocara e que me faría especial ilusión, a praza de Fefiñáns é un deles, sen dúbida. Vou dar un concerto diante dun dos lugares soñados polos músicos deste país. Tocar nesta praza é para min especial por moitas cousas, ademais de ser un lugar emblemático, estamos na terra do gran Ramón Cabanillas e de grupos como Treixadura, cousas que significan moito para min e por iso é unha cita tan especial.