A apertura das casetas das librerías e o espazo infantil dan inicio á feira literaria
22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Pasado o tempo de treboadas que provocou un retraso dun día, Vilagarcía ten todo preparado para vestir dende hoxe as roupas da Cidade do Libro, a primeira feira literaria que a capital arousá celebra en décadas. O prato forte da xornada de hoxe, denominada Letra de Muller, é o primeiro dos encontros de autores programados polo Concello; de autoras, neste caso. A partir das nove da noite, na praza da Segunda República, as escritoras Marilar Aleixandre, Arantxa Portabales e Nieves Abarca intervirán nun acto que conducirá Montse Fajardo e contará con Andrea Fernández no recitado en primeira persoa dalgúns dos seus poemas.
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é a autora de títulos como Catálogo de Velenos, A Compañía Clandestina de Contrapublicidade ou Lobos nas Illas. Acadou varios premios de literatura xuvenil e infantil, coma o Merlín, o Lazarillo e o Lecturas. Arantxa Portabales (San Sebastián, 1973) gañou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Sobrevivindo, a súa primeira novela en lingua galega, e vén de acadar este ano o premio novela europea Casino de Santiago con Deixe a súa mensaxe despois do sinal. A vida secreta de Úrsula B é a súa última novela. Nieves Abarca (A Coruña, 1968) vén de publicar Crimes exquisitos, unha obra escrita a catro mans xunta Vicente Garrido. Vinculada ao xornalismo, Montse Fajardo é autora, pola súa banda, dos libros Matriarcas, Un cesto de mazás, O escalón de Ulises ou A vida incerta.
Non obstante, a Cidade do Libro arrinca moito antes. Concretamente ás seis da tarde, coa apertura das casetas de librarías e editoriais, cos seus postos de venda incorporados. Á mesma hora inicia a súa actividade o espazo lector infantil habilitado no parque Miguel Hernández, onde terá lugar unha homenaxe especial e inclusiva a Rosalía de Castro. Farase a través de Figueiriñas que plantei, un espectáculo de contacontos con ilustracións e linguaxe de signos a cargo da compañía Polo Correo do Vento.
A seguinte proposta ten lugar ás sete da tarde. As actividades trasládanse xa ao escenario de autores, na praza da Segunda República, fronte ao auditorio, onde Lucía Aldao e María Lado poñen en escena A ovella Engracia, outra sesión de contacontos para todos os públicos, a partir de catro anos de idade. Á mesma hora ábrese a caseta de sinaturas na que as autoras da xornada dedicarán os seus libros ao público.
O día de mañá versará sobre a novela histórica. Este encontro do mércores contará coa presenza de Jorge Molist (El anillo, La Reina Sola), Marcos Calveiro (O xardineiro dos ingleses) e Manuel Gago (O anxo negro, Nús).