Do Día Internacional do Refuxiado

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Javier Fuentes Figueroa

No Occidente, que acadou adiantos nunca imaxinados, facemos o posible por manternos pechados, coa ancestral idea de preservar o noso espazo

20 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo da historia, a Humanidade, que presume de especie superior da Natureza, foise artellando politicamente en estruturas con base territorial. Non debe ser cousa distinta da actuación doutros animais que defenden un espazo para alimentárense. Pois, máis ou menos, así se foi organizando e as diferenzas de idioma, de aspecto, de costumes, de herdanzas, de relixión, foron dando lugar a conceptos como nación, patria ou Estado, para delimitar señoríos. E neses espazos vénse reproducindo a xente que, seguramente por cuestións educativas ou atávicas, síntese integrada nesa demarcación e faina súa ata mostrarse disposta a entregar a vida pola custodia dese curruncho da Terra. Con ese sentido territorial a historia da Humanidade é historia de guerras. Por dúas razóns fundamentais: por unha banda esa concepción do lugar de seu como unha especie de propiedade e, por outra, a consideración de que en cada sitio, que de seguido se enche de patriotas, só poden agruparse comunidades o máis iguais posible. Curiosamente, o significado actual de patriota vén do grego a través do francés cun significado de raza ou caste. Evidentemente, hai diferenzas entre os humanos: raza, idioma, relixión, costumes, ideas, son conceptos que facilmente fan xurdir divisións agrupadas en delimitacións físicas. Se a racionalidade rexese a nosa conduta, esas diverxencias deberían verse como superfluas pero enriquecedoras; algo para potenciar. Pero non é así e continúan as contendas baseadas nas desemellanzas, mentres no Occidente, que alcanzou adiantos nunca imaxinados, facemos o posible por mantérmonos pechados, coa ancestral idea de preservar o noso espazo. Esa realidade simultánea de conflitos e territorios privilexiados é unha das causas que provoca migracións e a existencia de refuxiados, apátridas e desprazados -os desprazados internos son as persoas máis vulnerables, por quedaren baixo o poder de quen os persegue-. Non son situacións ocasionais porque cada minuto -si, cada minuto- vinte e catro persoas no mundo vense na obriga de abandonar todo para fuxir cunha soa idea: vivir. Non fai falla imaxinación para dármonos conta de que os refuxiados e desprazados afrontan graves dificultades para recibiren atención médica -que me din da súa situación nesta pandemia?-, ou atopar escola -ou un lugar onde xogar- para os fillos. Esta realidade leva á ONU a sinalar a data de hoxe como Día Internacional do Refuxiado. Que é un refuxiado? Pois aquela persoa -non xa a que é perseguida- que ten fundado temor a ser perseguida por motivos de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a determinado grupo social ou opinión política, que se veu obrigada a escapar do país de seu e non pode ou non quere, por medo, acollerse á protección que debía darlle a súa nacionalidade. En Occidente un millón de persoas solicita asilo cada ano. As cifras son espantosas, co maior número de desprazados da Historia: setenta e un millóns de humanos foron obrigados a abandonar a súa casa a finais de 2018; entre eles uns trinta millóns de refuxiados; e a dez millóns de apátridas negóuselles unha nacionalidade e, por iso, carecen de acceso a dereitos fundamentais como educación, sanidade, emprego e liberdade de circulación. España, por exemplo, asinou a Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados que recoñece a estas persoas dereitos como o de non seren expulsados, non seren castigados por entrada ilegal no territorio, a emprego remunerado, a vivenda, a educación pública, a acceso aos tribunais, a liberdade de circulación ou a emitir documentos de identidade e de viaxe. Isto non se conta cando cada día vemos imaxes de xente desesperada arribando á rica Europa. O instinto de defender o territorio está ben ancorado. Talmente coma todos os animais.