«Parecía unha utopía cando se falaba do ascenso e aí está, é noso»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O estratega do ascenso do Asmubal Meaño sinala o equipo humano reunido arredor do equipo e da directiva como a clave do éxito en tan só dous anos

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño vivía na mañá do domingo o maior éxito deportivo nos 33 anos de historia do club co ascenso sobre o parqué de Coirón do seu equipo sénior á Primera Estatal, a terceira categoría do balonmán español. Un éxito impensable sen o regreso a tempada anterior de Víctor Garrido á dirección do equipo, unindo a súa capacidade para a xestión do xogo con tan só 29 anos ás súas dotes para construír un cadro de xogadores que mesturou por igual calidade e implicación co proxecto.

- Reposto de onte?

-[Risa] Ben… Estou aquí recuperando. Onte -polo domingo- fixéronnos unha pequena recepción no hotel no que estivemos hospedados durante a fase; convidaron tamén os voluntarios do club. Logo, ás seis da tarde saímos en caravana desde a Praza de Dena pasando por todas as parroquias do concello, rematando nos Pasales con foto de familia. E acabamos o día cunha cea nunha piscina privada.

-Que foi entón máis intensa, a finalísima co Zarautz ou a celebración posterior?

-[Risa] Son emocións distintas. Eu quedo co partido. Un partido para a historia. Ninguén daba un duro por nós. Mesmo xente coñecida nos dicía ‘Os vascos veñen moi fortes, pouco hai que facer contra eles'. Nós sabiamos que doado non ía ser. Eu vendo os vídeos daba os vascos como equipo favorito. Pero mira, o resultado está aí.

-Un día despois, cambian as sensacións e as lecturas respecto ao conseguido polo Asmubal?

-Preguntábamo alguén pola tarde -o domingo-, ‘Asimiláchelo?' Non. Isto asimílase co paso do tempo; botando a vista atrás a todo o traballo feito desde que se recuperou o equipo sénior. É o logro a ese traballo de dous anos. Parecía unha utopía cando se falaba do ascenso e aí está, é noso.

-Misión cumprida ou premio extraordinario á excelencia da tempada?

-Eh…! A nivel persoal creo que é un logro cumprido. Cando volvín sempre dixen que a ilusión por este proxecto era colocar a este equipo en categoría nacional. E é un premio extraordinario que era imposible facelo mellor en tempo e en forma, con dous ascensos, en plena pandemia. Dous ascensos directos e deportivos. Inda que agora gozamos moito, non te paraches a pensar por todo o que pasaches ao longo desta tempada, con confinamentos, con paradas, con grupos reducidos...

-Había boas vimbias pero non sempre iso basta para facer un bo cesto. E aí entrou vostede coma adestrador…

-A ver… Eu sempre digo que o papel dun adestrador é moi importante, pero ao final un adestrador é o que os seus xogadores queren que sexa. A tempada pasada fíxose un plantel moi bo. A clave deste equipo é o equipo humano reunido: xogadores, directiva, afección. É a clave disto.

-Supoño que logo de chegar ata aquí non será cuestión de baixarse do tren sen pisar a estación da Primera Estatal?

-[Risa] Tamén é unha pregunta que me fan estes días e que non podo responder. Teño tomada a decisión desde hai meses de non seguir coma coordinador xeral do club. É algo que o club sabe desde hai tres meses. Quedaba pendente de decidir se seguiría á fronte do equipos sénior masculino. Mañá -por hoxe- reunirémonos coa directiva e tratarémolo.

-Poñéndonos na hipótese de que vostede continúe á fronte do equipo. Cal é agora a folla de ruta do Asmubal? Con este equipo basta para pensar en ratificar a permanencia á conclusión da vindeira tempada?

-Eu… Ogallá. Aquí fíxose un proxecto deportivo e persoal. Conseguiuse o obxectivo. Si quedan as ganas de palpar a experiencia da Primeira Estatal con este grupo. Bastaría con dous, tres reforzos. Sería un obxectivo alcanzable. Esta tempada enfrontámonos en amigables con equipos de Primera Estatal e viuse que este Asmubal ten nivel para competir con eles.