Doutros testemuños da propiedade do santuario da Lanzada

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

San Martiño está presente no retablo deste disputado santuario

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como é sabido, o proceso de formación dos santuarios está vinculado a milagres, aparicións, advocacións, cultos previos, fenómenos que o poder relixioso fomentou coa seguridade de que se producirían rendementos económicos e de prestixio derivados da afluencia de romeiros. Un dos santuarios máis antigo e disputado foi, é, o de santa María da Area da Lanzada onde hai que anotar a supervivencia actual de crenzas precristiáns relacionadas coa fertilidade: os rituais das nove ondas, o de varrer ó redor do altar clamando Meigas fóra!, a Cama da Santa. Ademais, a Virxe da Lanzada precedeu á Virxe do Carme como patroa dos mariñeiros ata o século XVII, e así nolo lembra aquela famosa copla: «Indo polo mar abaixo/ o vento rachoume a vela./ Miña Virxe da Lanzada/ dáme pano para ela». Quizá esa advocación das xentes do mar propiciase a súa pertenza ao Grove e, curiosamente, a zona aínda segue adscrita á Confraría de San Martiño desa vila. O raro retablo deste santuario, restaurado no ano 2020, polas características da súa feitura é barroco, aínda que non hai certeza de cando foi tallado. Iván Rega Castro, profesor universitario, unha autoridade en retablística, indica na súa tese doutoral, con dúbidas, que podería ser de despois de 1715. Neste retablo, policromado, inseriuse en ambos extremos superiores un mesmo escudo, acuartelado, e no que aparecen sobre un rechamante azul, -azur- dous lobos catro veces. Noutras dúas cuartelas, distínguense unha torre cun león rampante e nas que faltan parece unha banda de cabaleiro rodeada dunha cadea. Os campos en azul con dous lobos sobrepostos, poderían ser do brasón de Luis Antonio Múzquiz e Aldunate que, como vimos contando, foi a quen o Rexemento do Grove lle cedeu graciosamente, pode que por imposición, en 1818 o santuario da Lanzada e todas as facultades das que eran titulares, incluso propiedade e xurisdición, pretendendo o remate de continuos preitos desde facía séculos. Sen embargo, se a datación que establece, sen precisión, o profesor Rega Castro para despois de 1715 se refire á totalidade do retablo, non parece que eses lobos sobre azur, nin as outras armas, se debesen atribuír ao conde de Torremúzquiz, que apareceu por Galicia da man de seu irmán o arcebispo Rafael Múzquiz sobre un século despois e recibiu a ermida en 1818. Pero, se nos fixamos ben onde están os escudos, vemos que son dúas pezas de madeira separadas do conxunto, así que, perfectamente, puideron ser mandadas colocar polo propio conde sobre o retablo preexistente -ou este é tardío ou trasladado- cando o Rexemento do Grove lle cedeu a ermida. A verdade: bótanse de menos un estudio artístico sobre o retablo para a súa datación exacta e un ditame heráldico sobre o escudo de armas, para saber de cando e de quen son. Pero do que non hai dúbida é do significado da figura ecuestre que aparece enriba da casa da santa: é san Martiño de Tours, espada en alto, partindo a súa capa para compartila cun mendigo. E por que está aí esa imaxe?. Simplemente porque é o patrón do Grove, a onde pertenceu o santuario da Lanzada ata o século XIX. E por iso aí segue San Martiño, testemuño de tódolos cambios, nunha montura branca mirando e cabalgando en dirección á súa vella parroquia.