Da causa descoñecida das casualidades

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

As causas reais da transmisión da ermida da Lanzada continuarán a ser un misterio

16 may 2021 . Actualizado a las 09:34 h.

 Entre o 8 de marzo e o 12 de abril contei aquí unha parte da historia da propiedade da ermida da Lanzada, cos continuos litixios polo menos desde o século XVII entre Noalla e O Grove e como, no 1818, o Rexemento grovense cedeulla, casualmente, ao navarro Conde de Torremúzquiz, irmán do arcebispo de Santiago. A pesar de que dixen que remataba de contar esta historia, quedáronme varios temas sen detallar, entre eles o que formalmente alegaron os rexedores do Grove na escritura de cesión de 4 de febreiro de 1818, que narra infinitas casualidades e, por iso, as causas reais desa estraña transmisión continuarán a ser un misterio para adiviñar coa fértil imaxinación de cadaquén. Os feitos descritos nese documento notarial son os seguintes: en xaneiro de 1818 en Madrid, o conde Luis Antonio de Múzquiz e Aldunate nomeou apoderado -disque pola confianza que lle tiña- a un persoeiro central nesta historia, José Benito Gayoso, abade de San Martín de Salcedo, quen pronto formaría parte da curia arcebispal, pero que, casualidade, antes fora cura de Noalla. Neses momentos Jacobo Francisco Aguiño Prol, capelán da ermida, continuaba sendo reticente a exercer tal prebenda dicindo que lle quedaba lonxe da súa casa do Corgo e non cumpría decotío os deberes que lle correspondían. Ese abandono provocou que aparecese un okupa -si, si-, ao que había que botar fóra porque non o nomearan nin o goberno nin o cura do Grove. Nesa situación, o 3 de febreiro as campás do Grove tocaron a rebato para convocar á veciñanza a unha xunta. A proposta dos Rexedores aos considerados veciños foi que tiñan que elixir entre poñer cartos para litigar contra o okupa, que non existía maneira de botalo polas boas, ou ceder o santuario e tódolos seus dereitos e pertenzas aos Rexedores para que eles atopasen quen garantise a tranquilidade no lugar; porque, ademais, o Alcalde queixábase de que nas romaría producíanse altercados e resultáballe difícil manter orde e administrar xustiza. Un dos veciños, Juan Manuel Otero, ofreceuse a asumir os custes do preito contra o «capellán intruso que se apoderara de territorios e propiedades», pero, casualmente, antes de que rematase a asemblea, retirou a proposta; así que a decisión foi ceder todos os dereitos e o exercicio xurisdicional no santuario ao Rexemento formado por Manuel de Castro, alcalde e Xustiza Maior, Juan Fernández, rexedor primeiro, Manuel Iglesias, rexedor segundo e Antonio Vidal, Procurador Síndico Xeral. E, casualidade das casualidades, estes homes dixeron que non se lle ocorría mellor idea que pedirlle consello ao citado José Benito Gayoso, «como persona muy recomendable por su probidad y conocimientos». E, claro, este abade, que andaba por alí por casualidade, «correspondiendo a la confianza que merece a los señores otorgantes y conformándose con sus deseos les propuso por tal patrono al ilustrísimo señor don Luis de Múzquiz y Aldunate conde de Torremuzquiz», de quen, casualidade, era apoderado. Xa ao día seguinte, 4 de febreiro de 1818, firmaron ante notario a escritura de cesión na que o compromiso máis sobranceiro do abade foi que ratificaría o debido agradecemento ao señor Conde, coa seguridade de que el disporía o máis axeitado para o ben espiritual e temporal do santuario. Neste documento tamén compareceu o vello párroco de san Martín do Grove, como persoa «literata e celosa» quen, casualmente, aproveitou para renunciar por escrito a calquera dereito. Remata este contrato, casualmente, co xuramento dos outorgantes de que «no ha intervenido limosna ni otro pacto ilícito y reprobado por derecho ni otro género de violencia material ni formal y sí la han hecho de su libre y espontánea voluntad por los motivos dichos». O vindeiro domingo cerrarei esta historia porque quedan, á vista de todo o mundo, dúas testemuñas impresionantes de todo este proceso.