Verónica Cores, a nena que saltou de excursión en excursión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A extriplista mantén vivo o atletismo en Vilagarcía coa educación e profesionalización técnica por bandeiras

08 abr 2021 . Actualizado a las 20:02 h.

Máis ca virtude, Verónica Cores Muñiz fixo da necesidade unha apaixonante forma de goce e de vida. Goce polo único deporte ao que se entregou. Vida, porque, logo de moito trote polo tartán, conquistou o premio de poder tirar do atletismo como medio de subsistencia á fronte da modesta Agrupación Atlética Mazí. O club que fundou no 2010 e que serviu de barca de salvación a un atletismo vilagarcián que non moito antes vivira a súa época dourada, con deportistas internacionais saídos da súa canteira.

Desde a Mazí, xuntos en idioma grego, Verónica non só traslada as súas dúas décadas de aprendizaxe como atleta de competición. Tamén inculca a case un cento de rapaces e adultos a súa visión dun deporte que ve moito máis aló dun vehículo de proxección competitiva: «Ás veces esquecemos que o traballo coa base non é unha procura de rendemento, senón educar. Unha educación de normas, de códigos, dunha relación entre o deportista e adestrador».

Nisto último puido ter moito que ver a súa forma de chegar ao atletismo, ou o atletismo a ela. Con 9 anos comezou nas escolas municipais que organizaba o Liceo Marítimo de Vilagarcía nos colexios do concello, con competicións os sábados pola mañá na pista de cinsa do instituto. Para ela, que vivía en Vilaxoán, un dos tres grandes núcleos da vila arousá, «era unha excursión. Iamos nun autobús co profesor de educación física e cos monitores do club, pasabamos toda a mañá na pista e volviamos a casa». E «o que máis e o que menos levaba algo, unha medalla, unha ferida», conta con humor.

O máis doado sería que Verónica tivese renegado do atletismo. Para competir os sábados habíase que apuntar os venres á saída do colexio, e ela «sempre ía a última hora e a proba na que soían quedar prazas libres era a de 2.000. Eu era malísima; soía quedar de última e arrastrada» confesa cunha gargallada. Os seus dous bos anos tardou antes de colarse noutro tipo de probas, de velocidade e de saltos. E aí comezou a destacar, chamando a atención do Liceo, que botaba as súas redes sobre os rapaces que sobresaían. Como Verónica, que viu no atletismo a súa única opción de gozar dunha actividade extraescolar: «Meus pais eran emigrantes en Suíza. Ata os 15 anos non voltaron. Crieime coa miña avoa e non podía andar comigo dun lado para outro».

Co club comezou ver mundo nos campionatos zonais, provinciais e galegos. Tras un ano vencellado ao Gimnástica de Pontevedra, o Liceo Marítimo converteuse en filial do Universidade de Santiago, e con 17 anos Cores coñeceu as mieles do éxito. Competindo dúas tempadas co conxunto compostelán na División de Honra, a máxima categoría nas ligas de clubs de España, contribuíndo a un terceiro posto. Todo un éxito ante xigantes da talla do Valencia, coa metade do equipo feminino da USC formado por vilagarciás.

Especializada no triplo salto, Verónica non foi nunca a un campionato de España individual, pero si asinou un ano a mellor marca galega. O seu teito, 11,66 metros, que hoxe parecen cativos vendo os 14,59 da plusmarca de Ana Peleteiro, pero que a comezos de século tiñan o seu notable valor en Galicia, nunha especialidade sen moita tradición feminina.

Unha oferta laboral, como vixiante de seguridade, levouna a comezos de século a Euskadi, fichando e competindo co Atlético San Sebastián de novo na División de Honra e disputando mesmo a Copa da Raíña. Un cambio coa satisfacción do deber cumprido, marchando xusto cando se inauguraban as pistas de atletismo de Vilagarcía que durante un lustro os seus compañeiros no Liceo Marítimo e ela mesma reclamaran cunha campaña que incluíra desde recollida de firmas ata aparecerlle nunha inauguración ao alcalde para gritarlle «¡Fai a pista!».

Á súa volta de Euskadi o Liceo, xa fusionado co Casino, ofreceulle coller a súa sección de atletismo. Pouco durou ante a descomposición da sociedade matriz. Tras un curso de transición con ficha no Narón, a ducia de atletas que decidiron seguir a Cores iniciaron no 2010 o camiño da Mazí. E dous anos despois ela colgaba as zapatillas para centrarse ao cento por cento nun rol, o de adestrador, que, afirma, «me enche. Unha vez que te comprometes cos atletas é moi difícil deixalo. Estás traballando con xente que vén traballar contigo todos os días e dá o máximo. Todos os adestradores que tiven influíron na mentalidade que teño agora». E niso se fixa á hora de tratar de transmitir entre os máis cativos a súa paixón por un deporte que define como «troncal», que leva a exercitar «a axilidade, a velocidade, a reacción», ata o punto de que, explica Verónica, «hai xente que vén ao club durante un ano para preparar outro deporte». Por iso é ten recomendable para os cativos.

Filial do Celta, na Mazí non pensan en crear equipos sénior «porque para iso fai falta moito tempo», di a súa directora deportiva, quen engade a dificultade da marcha de moitos dos seus atletas cando lles toca cursar unha carreira na universidade. Así as cousas, que encabeza a orde de prioridades de Verónica? Seguir facendo medrar a novas xeracións de atletas baixo o principio da «multidisciplinariedade, só especializándoos a partir dos 16». E colaborar en que a súa frase «eu son das poucas afortunadas que ten un contrato laboral no atletismo galego» quede canto antes desfasada, ao mesmo nivel da súa mellor marca coma triplista en comparanza co récord de Ana Peleteiro.