O Asmubal queda cun só comodín tras caer en Tenerife

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

BalonmánA expedición meañesa, moi molesta co club local, se ben ve clara a derrota (31-25)

01 abr 2021 . Actualizado a las 22:04 h.

O camiño do Asmubal Meaño cara a conquista da permanencia na División Honor Plata Femenina endureceuse logo da súa clara derrota, na noite do mércores, na cancha do Salud Tenerife: 31-25. Un resultado que deixa en cousa de dous, o HBC’74 de Camargo e o conxunto galego, a loita por eludir o terceiro posto pola cola da clasificación do Grupo A nas tres últimas xornadas de Liga, cos dous peores antepenúltimos das catro conferencias da categoría descendendo.

O choque comezou cun intercambio de goles inicialmente beneficioso para as visitantes, que no minuto 6 gañaban 1-2 con tantos de Laura Miniño e de Cárol Ferreira. Pero pouco máis dun minuto tardou o Salud en poñerse por diante, para non abandonar xa o control do marcador. E con autoridade, chegando ao descanso 15-9 logo de dispoñer dunha renda de sete tantos, 14-7.

Neste novo escenario tivo moito que ver a actuación da zurda Aina Fernández. Cun potente lanzamento exterior que dobregou a 6-0 do Asmubal, a lateral dereita do cadro canario firmou en cuestión de catorce minutos sete dos seus nove goles no encontro, liderando o despegue tinerfeño.

O máis que chegaron conseguir na segunda metade as pupilas de Juan Costas foi situarse a catro, 28-24, pero xa a falta só de dous minutos e medio para o remate dun choque no que se queixaron dunha arbitraxe caseira.

Con todo, a medio camiño de volta, desde o aeroporto de Madrid o adestrador do Asmubal daba por xusto o resultado, salientando o feito de que o Salud xogase con media ducia de balonmanistas na dinámica do seu equipo da máxima categoría. O que si quixo deixar patente Costas é o malestar da expedición meañesa polo trato do club canario que, di, se negou a proporcionarlle balóns para os seus dous adestramentos aló, ata o punto de que «tivemos que comprar tres nun decathlón». Ademais, «tivéronnos media hora esperando para deixarnos entrar no pavillón para o partido mentres deixaban pasar os espectadores e prohibíndolle o acceso aos nosos cinco directivos que viaxaron co equipo».

FICHA DO PARTIDO:

SALUD TENERIFE (31): Eloradana Martín, Daisy Cabrera (2), Bárbara Acosta (1), Ana González, Lucía Téllez, Elena Martínez (6), Alicia Robles, Aina Fernández (9), Úrsula González (5), María Zaldua (2), María Antón, Amanda Acosta e Andrea Loscos (6).?

ASMUBAL MEAÑO (25): Lorena Ligero, Sabela Miniño (4), Julieta Álvarez, Andrea Cores (2), Lara Castro, Mónica Sineiro, Anabel Otero, Laura Miniño (8), Victoria Domínguez, Vanesa Domínguez, Andrea Barreiro, Lorena Barreiro (7), Cárol Ferreira (4) e Laura Rivas. 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 1-1, 4-2, 7-4, 10-6, 12-7, 15-9 (resultado ao descanso); 17-10, 19-12, 22-17, 25-19, 28-22 e 31-25 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Víctor Rodríguez e José Carlos Palenzuela. Castigaron con 2 minutos as xogadoras locais Bárbara Acosta, Ana González, Úrsula González e María Zaldua (2) e as visitantes Laura Miniño, Vanesa Domínguez e Cárol Ferreira (2).