Flores, libros e escaparates para homenaxear a Rosalía de Castro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

«O día de hoxe debería estar cheo de versos de Rosalía nas rúas, nas bibliotecas, nos edificios públicos», dixo Lucía César Veloso na ofrenda floral organizada polo BNG de Vilagarcía en Carril

25 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«O día de hoxe debería estar cheo de versos de Rosalía nas rúas, nas bibliotecas, nos edificios públicos», dixo onte Lucía César Veloso durante a ofrenda floral organizada polo BNG de Vilagarcía en Carril, diante da escultura que alí lembra a unha «muller feminista, de firmes conviccións, loitadora e defensora da nosa identidade lingüística e cultural». Pero a xornada adicada á escritora pasou en Vilagarcía un tanto desapercibida, entre outras cousas, di o Bloque, polo «desinterese amosado polo Concello».

En calquera caso, o alento rosaliano si estivo presente: no escaparate da libraría Follas Novas, inzado de libros que levan a súa firma ou que xiran arredor da súa figura. Estivo Rosalía tamén presente no instituto Castro Alobre, que un ano máis organizou un exercicio de creatividade que se plasmou no deseño dunhas máscaras decoradas cunha imaxe e un fermoso lema: Inspira Rosalía. Sara Fernández deseñou a máscara; Paola Serantes, o cartel anunciador da actividade.

Polo demais, as redes sociais dos concellos da bisbarra do Salnés enchéronse de versos da nosa autora máis senlleira. Unha muller que, co seu impulso, acadou darlle un novo pulo á nosa lingua e ao seu rexurdir.